Venres 29 Marzo 2024

O enxeñeiro da UVigo Jacobo Porteiro entra na Axencia Internacional da Enerxía

A Axencia Internacional da Enerxía, organismo autónomo que reúne aos grandes consumidores de recursos enerxéticos do mundo desenvolto, acaba de elixir ao profesor da Universidade de Vigo Jacobo Porteiro como novo presidente do seu Comité de Combustión, un grupo de expertos de 14 países cuxa principal misión é analizar, debater e valorar os avances tecnolóxicos e científicos neste eido, con especial atención á redución na formación de contaminantes, sobre todo óxidos de nitróxeno e partículas, causantes das famosas nubes de contaminación que se forman a miúdo nas grandes cidades.

Jacobo Porteiro.
Jacobo Porteiro.

Profesor, investigador e director do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos, Jacobo Porteiro exercía xa desde o ano 2012 como representante de España en dito comité, “algo que para min xa supoñía un enorme orgullo, xa que para formar parte deste grupo tes que ser proposto por algún dos seus membros, no meu caso o representante de Alemaña, e contar co aval tanto da túa Universidade, como do ministerio e do resto dos membros”. Con este novo nomeamento, o orgullo é, se cabe, maior, “xa que, entre outras cousas, supón un enorme recoñecemento ao traballo que estamos a facer no noso grupo de investigación desde fai máis de 15 anos”, subliña o investigador, integrante do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas, un dos máis produtivos da Universidade no que a investigación e transferencia se refire e do que forman parte na actualidade preto dunha trintena de investigadores.

Publicidade

Porteiro será o presidente do Comité de Combustión da axencia

Porteiro, que na actualidade ocupa o cargo de vicepresidente do Comité, tomará posesión como novo presidente o vindeiro mes de xuño nunha reunión que terá lugar na cidade finlandesa de Kuusamo e exercerá como tal durante un ano, cando, tras a celebración dunha das reunións técnicas do comité que “agardo poder celebrar en Baiona”, ceda a testemuña á represente de Francia, a profesora Christine Rouselle da Universidade d’Orleans.

Os comités como o de Combustión, que agora pasará a estar dirixido por Porteiro, son grupos relativamente pequenos que están formados por un representante de cada país, nesta caso: Bélxica, Canadá, Francia, Finlandia, Alemaña, Xapón, Corea do Sur, Suecia, Suiza, Reino Unido, Estados Unidos e España. “Encargámonos de todo o que ten que ver con avances en combustión e, con respecto a isto, o que agora esperta un maior interese é entender mellor os procesos que dan lugar á formación de contaminantes”, recalca o investigador vigués, que explica que nestes intres a combustión desde o punto de vista da eficiencia está xa moi controlada e “hoxe en día dende as caldeiras de biomasa ata as industriais de gas, gasóleo e demais teñen grandes rendementos de combustión, o problema é que esas combustións moi eficientes levan asociadas a formación de contaminantes e, é máis, algúns contaminantes soben a medida que a combustión é máis eficiente”. Por este motivo, recalca Porteiro, este comité que naceu hai moitos anos tratando de mellorar a combustión como proceso, agora está máis dirixido a mellorar o proceso desde o punto de vista da formación de contaminantes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro

“O ingreso de mulleres nas carreiras de enxeñería está en declive”

Soledad Torres Guijarro, profesora na UVigo, investiga na actualidade a contaminación acústica nos ecosistemas submarinos e como reducila