Boceto do futuro edificio do Campus da Auga

Boceto do futuro edificio do Campus da Auga

O edificio do Campus da Auga será a nova ‘icona’ do campus de Ourense

Ourense vai ter un novo edificio icónico na cidade, un edificio singular”, destacou Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na presentación do proxecto do futuro edificio do Campus da Auga. Esta construción, que será destinada primordialmente a usos de investigación e que tamén albergará a súa sede institucional, nace coa vocación de fortalecer as infraestruturas aplicables a I+D no campus de Ourense. A obra comezará nos vindeiros meses e deberá estar finalizada no ano 2017, de acordo ao establecido no convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade de Vigo. O edificio, apuntou o conselleiro, é froito dunha aposta conxunta que se fixo entre Universidade e Xunta pola especialización, “un paso máis na posta en marcha desta aposta estratéxica” que é o Campus da Auga e “un punto desde o cal se vai irradiar desenvolvemento” a Ourense e a Galicia.

O proxecto gañador do concurso de ideas para o deseño deste edificio foi realizado por Oikos Estudio. Terá unha superficie construída de 3.254 metros cadrados e tres alturas máis baixo. Os seus creadores destacan del que “o espazo que se percibe é de considerable amplitude, os seus límites non agobian, e crean unha sensación de liberación”. O edificio, situado entre a piscina universitaria e o Edificio Xurídico-Empresarial, vaise cinguindo ao terreo segundo llo pide. Deste xeito, “a peza elévase para que o espazo libre poida seguir fluíndo ata encontrar un patio interior con árbores que nos fala de natureza”.

A presentación de proxectos realizouse no marco das xornadas Arquitecturas da Auga que tiveron lugar no Edificio de Ferro. O acto contou coa asistencia de, entre outras autoridades, Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Jesús Vázquez, alcalde de Ourense; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus; Marisol Díaz, delegada territorial da Xunta, e Alberto de Paula, presidente da delegación en Ourense do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, ademais de numerosos membros da comunidade universitaria e arquitectos.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.