O catedrático Humberto Michinel. Foto: Duvi.

O catedrático Humberto Michinel. Foto: Duvi.

O catedrático da UVigo Humberto Michinel ingresa na European Optical Society

Humberto Michinel, catedrático de Óptica da Universidade de Vigo, vén de ser elixido para formar parte da próxima xunta directiva da European Optical Society (EOS). Será o único español dunha entidade que agrupa ás sociedades estatais de Óptica da UE e que ten como obxectivo contribuír ao progreso nesta área de coñecemento e promover o seu desenvolvemento tanto no contexto europeo coma no internacional. O seu nomeamento supón un recoñecemento á dilatada traxectoria de Michinel no eido da fotónica.

“Ser elixido para a xunta directiva da Sociedade Europea de Óptica, co apoio de diferentes países, non deixa de ser unha boa noticia”, comenta o docente. Alén do recoñecemento persoal e profesional que supón, Humberto Michinel salienta que a súa elección “supón un apoio ás liñas de traballo en investigación que levamos a cabo desde o campus de Ourense”. A súa candidatura, explica, foi presentada pola Sociedade Española de Óptica co apoio de tres países, como esixe o procedemento, e finalmente acadou o respaldo necesario para que o catedrático ourensán pase a formar parte da súa próxima xunta directiva. A función deste órgano abrangue decidir todo tipo de cuestións referidas ao funcionamento da entidade, desde a organización de actividades ata a promoción da consideración desta disciplina en todo tipo de políticas e accións europeas.

“A elección apoia a investigación que facemos no campus de Ourense”, sinala Michinel

Humberto Michinel é na actualidade catedrático de Óptica na Universidade de Vigo, institución na que dirixe o grupo de investigación Óptica Física, sendo ademais director do Máster Universitario en Fotónica e Tecnoloxías do Láser, que imparten de maneira conxunta as tres universidades galegas desde o curso 2006/2007. Ademais de ter sido membro da xunta de goberno da Sociedade Española de Óptica, cabe destacar tamén o seu nomeamento como vicepresidente da International Commission for Optics en setembro de 2011, cargo que ostenta na actualidade.

O docente ten dirixido oito teses de doutoramento e é co-autor de máis de 60 artigos científicos, destacando numerosos traballos publicados na revista Physical Review Letters. Boa parte da súa actividade investigadora céntrase no estudo da propagación da luz en diferentes sistemas, así como as súas numerosas aplicacións tecnolóxicas. En canto á colaboración con grupos a nivel internacional, alén das publicacións conxuntas con diversos equipos, figuran numerosas estancias como investigador convidado en centros como a Chalmers University of Technology, de Suecia; a Australian National University, de Australia; a Ecole Normale Superieur, de Francia, e o Max-Planck Institut für Quantenoptik, de Alemaña. Ao longo da súa traxectoria ten organizado diversos congresos científicos e dirixido numerosos proxectos de investigación estatais. A estes méritos súmase o feito de ter fundando recentemente xunto a outros socios a empresa de base tecnolóxica Erhillumnia, participada pola Universidade de Vigo e centrada no ámbito da iluminación de estado sólido.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.