campus do mar verán

O Campus do Mar acollerá a 120 alumnos no seu vindeiro Campus de Verán

Campus do Mar estará presente un ano máis, e xa van seis, no programa Campus Científicos de Verano, unha iniciativa de fomento das vocacións científicas organizada conxuntamente entre a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT)e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte coa colaboración de 16 Campus de Excelencia Internacional e Rexional e o apoio da Obra Social La Caixa. A idea central é facilitarlles a 1920 estudantes de 4º da ESO e 1º de bacharelato de toda España o contacto coa investigación dándolles a oportunidade de participar nun proxecto de achegamento científico-técnico especialmente deseñado para eles por profesorado universitario e de ensino secundario.

A principal novidade deste ano con respecto a anteriores convocatorias foi o feito de que para poder optar a organizar algún destes Campus Científicos de Verán, cada un dos Campus de Excelencia tivo que presentarse a unha convocatoria, xa que nesta ocasión só se financiaban os 16 proxectos mellor avaliados. Finalmente, Campus do Mar foi un dos CEI mellor avaliados e recibirá durante o mes de xullo a un total de 120 alumnos e alumnas repartidos en catro quendas que, durante seis días, terán a oportunidade de coñecer de preto o traballo que levan a cabo as investigadoras e investigadores do Campus do Mar, tanto nos laboratorios como na propia costa, así como tamén de pasalo ben con algunha das actividades de lecer científico-cultural (obradoiros, visitas a museos, etc.) e deportivas organizadas para eles.

Ademais do lecer, o programa busca espertar futuras vocacións científicas

En cada quenda os participantes dividiranse en catro proxectos de achegamento científico nos que traballarán durante toda a semana: A vida a través dos organismos mariños, relacionado coa oceanografía biolóxica e bioloxía mariña; Unha praia: moito máis que area e auga, no que os participantes tomarán contacto coa xeoloxía mariña e a sedimentoloxía; E ti, de quen es?, que propón o reto de identificar especies mariñas a través de técnicas xenéticas, e Invádennos, e agora que?”, un proxecto da área de botánica que formula aos participantes o problema das especies invasoras.

Realización de múltiples experimentos en laboratorio; excursións para coñecer in situ que é unha praia xeoloxicamente falando e recoller mostras de sedimentos; tomar mostras de tecido para realizar a extracción de ADN; visita a un espazo costeiro dunar e realización de mostraxes de vexetación; saídas a bordo da embarcación Kraken I da Universidade… son só algunhas das actividades nas que ao longo das diferentes sesións terán a oportunidade de participar.

Os Campus Científicos de Verán apostan polo fomento das vocacións científicas entre a mocidade e, por este motivo, ofrecen aos participantes a oportunidade dun contacto directo co labor diario dos investigadores nun ambiente universitario e multicultural, que os axudará a definir a súa proxección futura de estudos.

O prazo para a presentación de solicitudes manterase aberto ata as 15.00 horas do vindeiro día 16. Entre outros requisitos, os participantes deben ter unha nota media igual ou superior a oito no curso 2014-2015.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.