170227mitra

O arqueólogo Celso R. Cao e Solo Voces guían este xoves a primeira visita do programa ‘Noite na Domus’

O programa ‘Noite na Domus’, unha actividade complementaria do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ e a través do que se ofrecen visitas guiadas con acompañamento musical ao xacemento da Domus do Mitreo, comeza este xoves 2 de marzo, a partir das 20.45 horas.

As persoas interesadas en participar nas visitas programadas para este xoves, en quenda de 20.45 horas ou en quenda de 21.45 horas, poderán recoller de balde as entradas este mércores 1 de marzo, en horario de 10.00 a 14.00 horas, nas oficinas de Cultura situadas na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, na Praza de Pío XII. O número de asistentes en cada pase está limitado a 25 persoas.

O arqueólogo e director da escavación da Domus do Mitreo, Celso R. Cao, será o encargado de guiar as visitas organizadas ao abeiro deste programa, que contempla xornadas de visitas musicadas os primeiros xoves dos meses de marzo, abril e maio. O obxectivo desta iniciativa non é outro que o de afondar no coñecemento da historia a través dunha viaxe musicada pola xacemento que permita ao espectador achegarse tamén ás diferentes épocas históricas a través das súas composicións sonoras. Daquela, Solo Voces, Germán Díaz e Lucus Ensemble serán os encargados de transmitir a música que escoitaban os nosos antepasados.

A agrupación Solo Voces interpretará cantigas medievais neste espazo histórico

A Noite na Domus permitirá aos asistentes descubrir a familia do centurión que habitou esta casa, os motivos do seu traslado, o cargo e os cometidos que desempeñou, xa que máis que un centurión era e persoa encargada da recada tributaria no Norte peninsular. De feito, como curiosidade cómpre dicir que a propia ara ou altar na honra de Mitra fai máis fincapé en cuestións de recadación que de devoción.

Celso R. Cao guiará esta visita pola historia que amosa o propio xacemento, un percorrido no que estará acompañado dos compoñentes de Solo Voces. Esta agrupación vocal comezará a súa intervención con cantigas medievais para, a partir de aí interpretar composicións que van desde o século XV ata o XIX.

A Idade Media tamén cobrará relevancia na disertación de Celso. R. Cao, quen chegado a este punto do itinerario histórico fará fincapé na construción da catedral e a súa necrópole, así como noutros feitos relacionados, tales como o son o feito de que basílica non ocupe un lugar central dentro do burgo.

Chegados ao século XVIII, ‘Noite na Domus’ posibilitará unha aproximación ao Pazo de Montenegro, en cuxa fachada aínda se poden atopar elementos decorativos da catedral. As composicións musicais xurdidas da basílica neste século, así como outras creacións máis recentes tamén formarán parte do repertorio que interpretará Solo Voces.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.