.

.

A historia invisible das mulleres do mar en Galicia, nunha exposición en Vigo

A Facultade de Ciencias do Mar acolle ata o 10 de febreiro unha mostra que amosa a imprescindible contribución feminina ao sector

Tras o seu paso pola Facultade de Ciencias da Educación do campus de Pontevedra este mércores chegou a Vigo a exposición Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar, unha mostra composta por 28 paneis nos que se amosa unha escolma de fotografías que, desde 1917 ata a actualidade, poñen rostro a múltiples mulleres que traballaron e traballan en diferentes sectores vinculados co mar. O obxectivo: visibilizar o seu papel e a súa contribución á economía do mar, poñendo en valor o traballo que as mulleres desenvolveron ao longo dos séculos en relación co mundo marítimo e promovendo a igualdade e a acción positiva entre as e os futuros profesionais e científicos.

A exposición, composta de por 28 paneis, amosa unha escolma de fotografías que amosan imaxes das traballadoras

Impulsada pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, o Campus do Mar e a Deputación de Pontevedra, a mostra poderá visitarse ata o vindeiro día 10 de febreiro na Facultade de Ciencias do Mar, na entrada principal do edificio de Ciencias Experimentais.

A exposición está composta por diferentes paneis nos que se van amosando imaxes de traballadoras da salga e da conserva, mariscadoras, redeiras, regateiras, traballadoras das descargas, transporte e venda… “mulleres invisibles e invisibilizadas, cuxo traballo foi e segue a ser fundamental para a sustentabilidade do mar”, tal e como explicou na inauguración da mostra o pasado mes de novembro a directora do proxecto, a profesora María Álvarez Lires, coordinadora do grupo de investigación da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Vigo, que explicou tamén que a mostra se completa con dous paneis dedicados ás oceanógrafas Ángeles Alvariño e Aida Fernández Ríos, quen fora directora do Instituto Español de Oceanografía.

Nos vindeiros meses a mostra estará tamén no campus de Ourense e o Museo Massó

Ademais dos 28 paneis desta mostra este traballo complétanse cunha web na que se recollen boa parte dos resultados do proxecto de investigación que deu lugar a esta exposición, unha bitácora dixital na se que aborda, entre outros aspectos, a historia destes oficios e diversos aspectos relacionados coa sustentabilidade oceánica, na que se integran tamén as diferentes edicións das Xornadas sobre o Bo Uso e Mal Uso do Mar e entrevistas realizadas a traballadoras do mar como a redeira Sefa Abal ou a presidenta da agrupación de mariscadoras de Cambados, María Xosé Cacabelos; así como a investigadoras como Géraldine Fauville, da Universidade de Gotemburgo, ou a catedrática de Zooloxía da Universidade de Vigo Elsa Vázquez.

Tras o seu paso polo campus de Pontevedra e de Vigo, a exposición chegará nos vindeiros meses ao campus de Ourense e ao Museo Massó, aínda que tamén está aberta a empresas, fundacións, asociacións e concellos que así o soliciten á Deputación de Pontevedra, co obxectivo de espallar o papel realizado polas mulleres en relación á economía e cultura marítima.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.