Xoves 28 Marzo 2024

O territorio ‘masculinizado’ das enxeñarías e o medio rural

As enxeñarías continúan a ser un ámbito universitario  “masculinizado”, unha característica que aínda se acentúa máis cando se asocia co medio rural, tal e como se puxo de manifesto este xoves na cerimonia de entrega de premios do II Concurso de Traballos Fin de Grao ‘Enxeñaría e Muller Rural’, un certame impulsado pola Comisión de Igualdade e Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC do que resultaron gañadores a graduada en Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias María Nerea Fernández Canto e o graduado en Enxeñaría Agrícola e Alimentaria Ismael Moeda Doval. O tribunal encargado de fallar a segunda edición deste certame, que procura facer máis visible a figura da muller nos eidos da enxeñaría, así como a súa contribución ao desenvolvemento e á mellora da calidade de vida no medio rural, tamén outorgaron cadanseu accésit ás María Amparo Ferreira Golpe e Paula Núñez de Miguel.

 O certame procura visibilizar a figura da muller nestas titulacións

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo da USC, Carme Silva Domínguez, presidiu o acto de entrega destes galardóns, unha sesión na que a directora xerente da adega Mar de Frades, a enóloga e enxeñeira agrónoma egresada do campus de Lugo, Paula Fandiño, relatou as distintas conquistas acadadas nas últimas décadas pola muller tanto nos sectores produtivos primarios como no terreo das enxeñarías, ao tempo que fixo un chamamento a dar un paso máis neste tiña. “Agora chegou o momento de romper o chamado teito de cristal e as mulleres temos que incorporarnos aos consellos de administración das empresas”, dixo a xerente de Mar de Frades.

Publicidade

A alcaldesa do Concello de Lugo, a tamén enxeñeira agrónoma Lara Méndez, trasladou os seus parabéns á presidenta da Comisión de Igualdade de Xénero da EPSE, a profesora María Dolores Fernández Rodríguez, así como ás demais persoas que impulsaron unha iniciativa que conxuga un binomio difícil para as mulleres, como é o caso do medio rural e o das enxeñarías. Méndez salientou asemade a importante pegada feminina a prol do desenvolvemento do medio rural e da mellora da calidade de vida a través da innovación.

A presenza presenza das mulleres nos estudos de enxeñaría está no 25% aproximadamente. Nas denominadas enxeñarías verdes, atopamos porcentaxes maiores, tal e como é o caso do Grao de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria da Escola  Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, sinalou a profesora Dolores Fernández, quen sinalou como máis preocupante o cambio de tendencia que está experimentando o alumnado das enxeñarías.

 O grao de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria ten só un 29% de mulleres

Nos últimos 10 últimos anos, a porcentaxe de alumnado total caeu nas enxeñarías, pero este descenso foi máis acusado nas mulleres. Deste xeito, na última década a porcentaxe de mulleres en estudos de enxeñaría en España baixou un 12%. Este síntoma impregna tódalas titulacións de enxeñaría. Como exemplo,  no caso da titulación de GEAA onde o número de alumnas está en torno ao 40%, no curso 2016-2017 accederon só o 29% de mulleres. Esta tendencia iníciase xa en ensino medio, onde, aínda que os expedientes das mulleres son mellores, existe unha orientación cara a materias fóra do ámbito da ciencia e tecnoloxía, denominadas STEM, explicou Dolores Fernández.

Os premiados

O estudo sobre a caracterización de proteínas de orixe vexetal realizado no seu traballo de fin de grao pola enxeñeira María Nerea Fernández Canto, quen logo e xa nunha fase práctica desenvolvería nas instalación de Innolact un produto para untar alternativo ao de orixe animal, mereceu o primeiro premio nesta convocatoria de galardóns, unha iniciativa orientada a poñer en valor a figura e as achegas da muller no eido das enxeñarías, a través do recoñecemento de traballos innovadores e cuxa temática contribúa a mellorar as condicións de vida e de traballo das mulleres no medio rural.

A outra das propostas premiadas na segunda edición dos premios a traballos fin de grao sobre Enxeñaría e Muller Rural leva por título ‘Proxecto de reforma dunha explotación porcina de destete para 5791 cabezas en O Coto, Toques’, unha candidatura presentada polo tamén enxeñeiro Ismael Moeda Doval.

Os dous enxeñeiros que veñen de completar os seus estudos de grao na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC recibirán cadansúa gratificación en metálico de 200 euros, ademais do correspondente diploma acreditativo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Os cubículos e corredores reducidos nas granxas de Lugo afectan a produción de leite

A tese de Sonia Verdes Gil conclúe que as superficies incómodas prexudican a saúde e a hixiene das vacas

Elena Vázquez Cendón: “A fórmula buscada é a igualdade, a solución correcta é o equilibrio”

A premio María Josefa Wonenburguer 2022 abre as xornadas A Foto 51 de Pontevedra, ciencia e reflexión ao abeiro do Día da Muller e a Nena na Ciencia