O Grupo Naturalista Hábitat organiza este domingo unha maratón ornitolóxica na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Ao longo de todo o día, os participantes terán que observar, escoitar e identificar o maior número posible de especies de aves dentro dos límites da Reserva.
A participación é libre e de balde, e non é precisa experiencia previa na ornitoloxía, e a inscrición pode realizarse na web gnhabitat.org. A xornada comezará á media noite do sábado ao domingo e rematará ás 18 horas. O obxectivo fundamental é achegar esta disciplina ao público en xeral, “fornecendo o coñecemento das aves, aprendendo a respectalas e a gozar da súa presenza”, así como poñer en valor os atractivos naturais da Reserva da Biosfera, segundo indican os organizadores.
A Maratón Ornitolóxica forma parte das iniciativas postas en marcha para celebrar o cuarto aniversario da declaración da reserva por parte da Unesco.