Máis de 150 escolares participaron nas actividades didácticas e de concienciación no areal da Xunqueira.

Máis de 150 escolares participaron nas actividades didácticas e de concienciación no areal da Xunqueira.

Máis de 150 escolares moañeses gozaron dunha xornada de sol, praia e moita ciencia

No intermareal inferior hai máis biodiversidade ca na zona alta do areal; nunhas zonas da praia acumúlase máis área pola deriva litoral; a auga é máis ácida e menos salgada canto máis preto da desembocadura do río e as ondas viaxan en trens. Estes coñecementos básicos sobre oceanografía para os máis cativos pasan completamente desapercibidos mentres xogan con cubos, pas e castelos de area. Pero este xoves, e para conmemorar o Día Mundial dos Océanos, 155 escolares do concello de Moaña puideron achegarse a estes feitos científicos e facelo a través da práctica, con experimentos e obradoiros que realizaron a pé de praia. O Campus do Mar, en colaboración coa Asociación de Oceanógrafos de Galicia e o Concello de Moaña, organizou unha serie de actividades de divulgación mariña no areal moañés da Xunqueira distribuídas en cinco estacións científicas nas que nenos e nenas de colexios e institutos realizaron os experimentos acompañados por monitores especializados no medio mariño.

Divididos en grupos por idades, os 155 rapaces e rapazas de 5º e 6º de primaria dos colexios da Guía, Seara, Abelendo e Tirán, así como estudantes da ESO do IES As Barxas completaron un percorrido que consistiu en cinco obradoiros sobre oceanografía física, oceanografía xeolóxica, oceanografía biolóxica, oceanografía química e recursos mariños. O obxectivo desta iniciativa é introducir o método científico dun xeito sinxelo nas actividades, aprender mediante a realización de mostraxes ou experimentos moi sinxelos in situ e fomentar a capacidade crítica, de análise e o razoamento científico.

Búscase a concienciación dos nenos sobre a necesidade de preservar o medio mariño

As actividades desenvolvéronse ao longo do día, e se pola mañá as estacións científicas da Xunqueira recibiron aos escolares, pola tarde abriron para familias e o público en xeral, fomentando tanto o coñecemento sobre o medio mariño como a concienciación sobre a necesidade de preservar a súa biodiversidade como elemento clave para o futuro do planeta.

O contido didáctico desta iniciativa repártese en actividades variadas agrupadas segundo o seu contido en cinco postos. Como explican os monitores, na estación de oceanografía física o obxectivo é que tanto rapaces como o adultos sexan capaces de medir a distancia entre ondas, coñecer os parámetros e características da ondaxe, etc, mentres que na estación de oceanografía biolóxica puideron coñecen a biodiversidade das praias e como se comportan os seres vivos dos intermareais. Na parte de oceanografía xeolóxica puideron ver que os areais non se comportan igual durante o verán e o inverno e coñecer que factores provocan que cambie o seu perfil. Na estación química comprobaron as diferenzas de salinidade, pH, acidez e como varían estas condicións en diferentes puntos da praia e, finalmente, na estación de recursos mariños os participantes puideron achegarse aos segredos dunha das actividades económicas máis representativas do concello, o marisqueo a pé, para descubrir as artes, os útiles que se empregan, tipos de especies que se recollen, o sistema de selección de capturas, etc.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.