Felipe Criado Boado, director do Incipit (CSIC) e presidente da EAA.

Felipe Criado Boado, director do Incipit (CSIC) e presidente da EAA.

Felipe Criado, reelixido presidente da Asociación Europea de Arqueólogos

O arqueólogo e profesor do CSIC Felipe Criado Boado (Santiago de Compostela, 1960), acaba de ser reelixido presidente da Asociación Europea de Arqueólogos (EAA), a segunda entidade do eido máis importante do mundo, despois da estadounidense. O nomeamento tivo lugar no marco da 23ª conferencia anual da asociación, celebrada en Maastricht (Países Baixos).

En 2015, cando tomou posesión de cargo, Criado Boado marcábase como obxectivos “responder os retos que a actual situación de crise en Europa expón tamén á arqueoloxía e o patrimonio cultural, adaptar a organización da EAA ao rápido crecemento que está a experimentar, profesionalizar a súa xestión, e profundar nas relacións cos outros continentes”.

Criado, que revalidará o mandato durante os vindeiros tres anos, é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (1982) e doutor en Arqueoloxía pola mesma universidade. Foi profesor titular de Prehistoria na USC (1991-2000) e no 2001 incorporouse ao CSIC como profesor de investigación, concretamente, ao Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, onde dirixiu o grupo de Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe. Desde o 2010, cando se creou o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, Felipe Criado é o seu director. É autor de preto dunha ducia de libros e monografías científicas, 150 artigos de investigación e foi o investigador principal en máis de 130 proxectos de investigación e desenvolvemento.

A EAA, fundada en 1994 en Liubliana (Eslovenia), celebrou o seu primeiro congreso anual en 1995 en Santiago de Compostela. Durante a reunión deste ano, anunciouse que a cita de 2018 terá lugar en Barcelona do 5 ao 8 de setembro. O obxectivo fundacional da entidade foi o de integrar ás persoas que se dedican á arqueoloxía en Europa tanto no campo da investigación como da xestión e administración do patrimonio arqueolóxico, e a divulgación e museos, así como ser un punto de encontro debate e reflexión para os arqueólogos, independente da súa liña de investigación e nacionalidade. Ademais, mantén a publicación trimestral da revista European Journal of Archaeology, unha das máis destacadas do mundo en arqueoloxía, e a concesión do The EAA Heritage Prize, recoñecemento que se outorga ás persoas ou institucións que destacaron na conservación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.