Unión Xeofísica Internacional

Expertos de 25 países participan en Ourense na conferencia da Unión Xeofísica Europea

Unha das maiores preocupacións da sociedade actual é o cambio climático, dado o seu impacto na vida no planeta. Os cidadáns asisten no seu día a día a unha prolongación cada vez maior da estación cálida, a unha intensificación das inundacións, das olas de calor e das secas e a outros fenómenos de alcance global que teñen un grande impacto en todo tipo de eidos, desde a agricultura á seguridade. Neste contexto, a comunidade científica traballa desde diferentes áreas de coñecemento neste tema. Unha desas áreas é a xeofísica, tal e como se pon de manifesto estes días en Ourense durante a celebración da conferencia anual sobre hidroloxía da Unión Xeofísica Europea. A cita reúne desde este martes e ata o xoves a 104 investigadores e investigadoras de 25 países para expor as últimas investigación neste eido. Coincidindo coa súa celebración, o xoves arrancará tamén o II Congreso Internacional da Auga, dedicado nesta ocasión aos cada vez máis presentes eventos extremos, como son as inundacións e as secas.

As dúas citas foron inauguradas xuntas este martes coincidindo co inicio da programación da 8ª Conferencia da Unión Xeofísica Europea. Luis Gimeno, presidente do comité organizador da 8ª Conferencia da Unión Xeofísica Europea, subliñou como o tema elixido para esta edición das coñecidas como EGU Leonardo Conferences é a rama atmosférica do ciclo hidrolóxico, abordando todos os aspectos que van dende a evaporación da auga ata a súa precipitación. Á cita, organizada polo Grupo Ephyslab da Universidade de Vigo, asisten un centenar de investigadores e investigadoras procedentes de 25 países, a metade europeos e o resto de países como Australia, Sudáfrica, Taiwán, Estados Unidos, Brasil ou Costa Rica. Durante a súa celebración, lembrou Gimeno, presentaranse 50 conferencias orais e 45 posters nos que se exporán as máis recentes investigacións sobre a temática do encontro. Deste xeito, desde o martes e ata o xoves trátanse temas como a distribución global do vapor de auga e as relacións entre as zonas evaporativas e os sumidoiros de humidade; os eventos extremos ou os chamados ríos atmosféricos, as estruturas atmosféricas de maior transporte de grandes cantidades de vapor de auga.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.