Os expertos confrontaron a evidencia científica cos falsos mitos destas drogas. Foto: Duvi.

Os expertos confrontaron a evidencia científica cos falsos mitos destas drogas. Foto: Duvi.

Evidencia científica contra o policonsumo de tabaco e cannabis

O campus de Ourense acolleu un obradoiro que busca converter aos estudantes en axentes activos na prevención do consumo destas substancias

O policonsumo habitual de dúas substancias psicoactivas e adictivas, como son o cannabis e o tabaco, suscita moita preocupación entre os expertos en prevención. Co obxectivo de sensibilizar á poboación universitaria sobre esta problemática, desde o proxecto estatal Evict están a levar a cabo unha serie de iniciativas baseadas en acabar cos falsos mitos e a desinformación neste eido. Entre elas, este xoves a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolleu o Obradoiro de prevención de cannabis e tabaco baseada na evidencia científica.

O taller, de catro horas de duración, estivo coordinado polos docentes da Facultade de Ciencias da Educación Manuel Isorna e José María Faílde e por Guillermo Santos, coordinador da Área de Saúde do campus de Ourense. “Desde fai arredor de catro anos, 15 profesionais traballamos neste proxecto que naceu tendo en conta o alto índice de consumo destas substancias”, comenta Manuel Isorna, docente do obradoiro e membro do Proxecto Evict, de estudo e abordaxe de políticas de control de policonsumo de cannabis e tabaco en España, proxecto financiado polo Plan Nacional sobre Drogas e impulsado polo Comité Nacional para a Prevención do Tabaquismo.

Segundo o Plan Nacional sobre Drogas, iniciánse máis escolares no cannabis que no tabaco

Segundo os datos do Plan Nacional sobre Drogas que puideron coñecer este xoves os asistentes ao obradoiro, en España no último ano iniciáronse máis escolares no consumo do cannabis (146.200) que no do tabaco (137.000) e entre os consumidores de tabaco un 63,2% tamén consume cannabis e entre os consumidores de cannabis un 78% consume tabaco. Deste xeito, cannabis e o tabaco, lembra Isorna, actúan de xeito “complementario” e o seu consumo conxunto convértese nun problema “de primeiro orde”, facéndose necesario pór en marcha estratexias de prevención e tratamento conxunto. Neste reto, sinala, a universidade é unha contorna esencial para abordar este consumo.

O obradoiro converte aos estudantes en mediadores e promotores da prevención

No caso do Proxecto Evict o enfoque desta prevención, apunta Isorna, céntrase na evidencia científica e en incidir na contorna universitaria promovendo a participación activa do alumnado en intervencións de prevención do consumo. “O principal obxectivo deste obradoiro é ofrecerlle aos estudantes participantes non só unha formación profesional útil para eles a título individual senón tamén convertelos en mediadores ou promotores da prevención. Ninguén mellor que eles para facer chegar á xuventude a nosa mensaxe”, comenta o profesor da Facultade de Ciencias da Educación ourensá. Trátase, apunta Isorna, de que os estudantes e neste caso futuros docentes asistentes a este obradoiro “sexan correa de transmisión de información veraz e científica sobre o consumo de cannabis e tabaco”.

Con esta finalidade, o obradoiro, cun enfoque fundamentalmente motivacional, permitiu aos asistentes coñecer os compoñentes que levan as dúas substancias abordadas, como é a nicotina no caso do tabaco e o tetrahidrocannabinol e o cannabidiol no caso do cannabis, e as súas accións farmacolóxicas sobre o sistema nervioso central, aparato cardiovascular e respiratorio, entre outros. Unha vez abordados estes principios científicos, os asistentes puideron afondar nos mitos e falsas crenzas en relación con este policonsumo, desbotando con datos científicos as desinformacións máis populares.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.