Participantes no encontro sobre canles iónicas.

Participantes no encontro sobre canles iónicas.

Especialistas internacionais en canles iónicas reúnense en Compostela

As canles iónicas son unhas proteínas complexas situadas nas membranas celulares de, entre outras, neuronas e células musculares que forman poros, que permiten que os ións atravesen as células para a transmisión de información. Hoxe en día, coñécese que o funcionamento incorrecto destas canles xera un bo número de enfermidades chamadas ‘canalopatías’, entre as que se atopan doenzas comúns como a hemicrania ou xaqueca.

Para afondar na investigación deste ámbito, máis de 150 profesionais de diversos países do mundo, viaxan a Santiago de Compostela esta semana para participar na VI Reunión da RECI (Red Española de Canales Iónicos). A xuntanza, que se desenvolverá do 6 ao 8 deste mes e organizada entre outros, por José Antonio Lamas, profesor do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde da Universidade de Vigo, porá de relevo os avances nos estudos de canles iónicas.

RECI xurdiu para unir os esforzos na investigación sobre canles iónicas repartidos por toda España e tras celebrar as súas anteriores reunións en lugares como Cuenca, Barcelona ou Tenerife, chega agora á capital de Galicia. As primeiras reunións, tal e como sinala José A. Lamas, eran de carácter máis informal co obxectivo de acadar un dos proxectos Consolider do Mineco que agrupase todo o coñecemento sobre canles iónicas do país, no que finalmente participaron máis de 25 grupos de investigación. Unha vez finalizada esta etapa, agora as xuntanzas da RECI o que pretenden é “manter en contacto os investigadores españois de calquera ámbito relacionado coas canles iónicas para que poidan iniciar colaboracións entre eles e cas e cos investigadores estranxeiros que asisten”, segundo indica Lamas.

O programa comeza o mércores 6 de setembro ás 16.00 horas coa benvida por parte da organización na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela e finalizará o venres 8 de setembro coa closing lecture. Entre os poñentes “destacan os dous investigadores encargados de impartir as conferencias plenarias, David J. Beech da Universidade de Leeds (Reino Unido) e Luis Á. Pardo do Instituto Max-Planck de Medicina Experimental (Alemaña)”, apunta un dos organizadores da reunión. En total, presentaranse arredor de 35 comunicacións de investigadores de España, Bélxica, EEUU, Chequia, Alemaña, Francia ou Dinamarca.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.