Entrega do recoñecemento ao profesor Alberto Arce.

Entrega do recoñecemento ao profesor Alberto Arce.

Encomenda da Orde Civil de Alfonso X o Sabio para o profesor emérito da USC Alberto Arce

O ministro de Educación, Cultura e Deporte acaba de impoñerlle ao catedrático xubilado da USC Alberto Arce Arce a Encomenda da Orde Civil de Alfonso X o Sabio polas súas cinco décadas de dedicación ao eido académico, investigador e de xestión universitarias. O profesor Arce é “unha referencia no eido da Enxeñaría Química en España”, segundo recolle o comunicado do Ministerio. A imposición realizouse no Auditorio Nacional en Madrid nunha sesión que presidiu o ministro Íñigo Méndez de Vigo e á que tamén asistiron o subsecretario de Educación, Cultura e Deporte, José Canal Muñoz;  o secretario de Estado de Cultura, Fernando Benzo Sainz; e o director do Gabinete do Secretario  de  Estado  de  Educación,  Formación  Profesional  e Universidades, José Manuel López-Cogolludo.

Na Universidade de Santiago Alberto Arce impartiu máis de 20 materias diferentes en áreas de Química Industrial e Enxeñaría Química, dirixiu 25 teses de doutoramento e máis de 60 proxectos fin de carreira e traballos de fin de grao e tivo un papel moi activo nas comisiones de implantación na USC da especialidade de Química Industrial dentro da Sección de Química, a titulación de Enxeñaría Química, o grao de Enxeñaría Química e o Máster de Enxeñaría Química e Bioprocesos.

Alberto Arce
O profesor Arce defendeu en 1970 a súa tese doutoral baixo a dirección do profesor Gabriel Tojo e na actualidade é profesor emérito na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. En 1976 crea o seu propio grupo de investigación, Procesos de Separación e Equilibrio entre Fases, do que aínda é coordinador. Ao longo da súa traxectoria académica participou en 12 proxectos de investigación autonómicos, 9 estatais e 3 europeos. Cun factor h de 36, posúe 180 publicacións indexadas na ISI Web of Knowledge e máis de 3.500 citacións.

É pioneiro en España na investigación con líquidos iónicos na área de enxeñaría química e autor dunha patente internacional, aprobada con exame, para a síntese de nanopartículas con líquidos iónicos. A súa capacidade de formación de investigadores colocou os seus doutorandos en recoñecidos postos de investigación en todo o mundo (Bayer, CEPSA, Dow Chemical, Inditex…). O seu gran prestixio internacional levouno a ser nomeado representante español do Working Party on Thermodynamics and Transport Properties da Federación Europea de Enxeñaría Química.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.