estacion courel

Curso de plantas medicinais na Estación Científica do Courel

A Estación Científica do Courel  celebra desde este venres ata o domingo 23 de abril un obradoiro sobre o uso medicinal de plantas tradicionais en Galicia, un programa formativo que será impartido pola licenciada en Farmacia pola USC María Moure Oteiza e no que se inscribiron 30 persoas.

O programa desta actividade programada pola USC na Estación Científica do Courel, un centro universitario dirixido polo catedrático Antonio Rigueiro Rodríguez, está estruturado en 11 horas e ofrece unha formación de carácter intensivo e inclúe dúas saídas ao campo, onde o alumnado poderá poñer en práctica os coñecementos adquiridos. As sesións teóricas, distribuídas en catro horas de clase por día con media hora de descanso polo medio, comezarán cunha primeira charla de introdución e achegamento á temática do obradoiro. As 9 sesións seguintes basearanse na elaboración de fichas técnicas de diferentes plantas medicinais, a razón de 3 plantas por hora. Un coloquio final para atender as dúbidas, comentarios e preguntas dos asistentes, servirá de colofón do programa.

Cada unha das fichas técnicas propostas para a súa elaboración no marco deste obradoiro atinxe a unha planta medicinal común utilizada en Galicia a nivel tradicional, tomando como referencia as utilizadas na Serra do Courel. Trátase dun total de 30 plantas clasificadas por orde alfabética. De cada unha delas estudarase o seu uso, tanto o recolleito pola Farmacopea oficial como o tradicional. Tamén se estudarán as partes utilizadas e a preparación, así como as precaucións de uso e, no caso de que procedese, o seu significado máxico-medicinal, así como refráns, lendas e cancións. O devandito estudo completaríase cos coñecementos achegados polos asistentes.

O director da Estación Científica do Courel, o catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC Antonio Rigueiro; o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e a alcaldesa do Courel, Dolores Castro, abrirán este venres, a partir das 16.00 horas, esta nova actividade formativa programada na Estación Científica do Courel.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.