Imaxe de familia dunha das xuntanzas mantidas na Universidade de Cabo Verde con representantes do mundo académico e empresarial.

Imaxe de familia dunha das xuntanzas mantidas na Universidade de Cabo Verde con representantes do mundo académico e empresarial.

Continúan as actividades de cooperación do Campus do Mar en Cabo Verde

Suma e segue. Campus do Mar  continúa coa organización de diferentes actividades en Cabo Verde, nesta ocasión, cunhas xornadas sobre transferencia e innovación nas que, entre outros, participaron Emilio Fernández e José Manuel Silva, doutor honoris causa da Universidade de Vigo e ex-director xeral de Investigación e Agricultura da Unión Europea. “A presenza de Silva nesta viaxe vai dirixida a aproveitar a súa extraordinaria experiencia de varias décadas como alto cargo da UE”, subliñou o director do Campus do Mar, que fixo fincapé en que Silva tivo oportunidade nesta visita de explicar aos profesores, xestores e empresarios de Cabo Verde as posibilidades de financiamento europeo neste país “ademais de reforzar o papel de Campus do Mar nas visitas institucionais realizadas”.

Esta nova viaxe a Cabo Verde enmárcase no marco dun proxecto de cooperación ao desenvolvemento financiado por Cooperación Galega (Xunta de Galicia), ao longo do cal docentes e investigadores do Campus do Mar veñen impartindo diferentes cursos de especialización neste país africano, que abarcaron temáticas como Estatística Pesqueira, do que se encargou o investigador do Instituto Español de Oceanografía, José Castro; estatística, impartido polo profesor da Universidade de Vigo Juan Carlos Pardo, e outro sobre escritura científica que correu a cargo do profesor Henrique Queiroga da Universidade de Aveiro.

Acordouse a posta en marcha de dous proxectos de investigación e emprendemento

Emilio Fernández e José Manuel Silva participaron nesta ocasión como relatores dun curso sobre as oportunidades que poden supor para Cabo Verde o programa europeo H2020, impartido por Rosa Fernández, do Cetmar, e que se desenvolve ao longo de toda a semana.
En paralelo ao curso, o director do Campus do Mar e José Manuel Silva aproveitaron a súa estancia en Cabo Verde para entrevistarse co coordinador de Cooperación Española neste país africano, Jaime Puyoles; co representante da UE en Cabo Verde, Luis Maia, e con diferentes representantes de Nacións Unidas, coa finalidade de analizar posibilidades de financiamento de accións futuras. “Ademais, visitamos tamén á reitora da Universidade de Cabo Verde e o seu equipo, encontro no que fixemos un punto de situación do proxecto e planificamos actividades futuras”, explicou Emilio Fernández, xa de volta en Galicia, que fixo tamén fincapé en que nesta reunión tiveron a oportunidade de constatar o satisfactorio desenvolvemento dos diferentes traballos e se acordou a posta en marcha de dous proxectos piloto: un deles centrado na análise da cadea de valor do sector pesqueiro en Cabo Verde e un segundo que aspira a pór en marcha un programa de emprendemento no ámbito do mar de similares características ao xa executado en Galicia, Empreamar.

Aparte da “excelente sintonía” entre o Campus do Mar e as institucións cabo verdianas, Emilio Fernández destacou o compromiso de seguir traballando conxuntamente, o éxito das conferencias e do curso de formación e a “moi boa percepción que teñen do noso traballo en Cabo Verde tanto a cooperación española, como a representación da UE e Nacións Unidas, que desembocan en boas perspectivas de financiamento de proxectos futuros no país”.

“Estas reunións afianzan a cooperación no financiamento de proxectos futuros”

A relación de Campus do Mar con Cabo Verde e, máis concretamente, coa súa universidade e co Instituto Nacional de Desenvolvemento Pesqueiro, remóntase ao ano 2012 e, dende entón, foron múltiples as diferentes accións postas en marcha, tanto no eido investigador como no docente. “Eu destacaría a formación en Vigo de catro doutores cabo verdianos aos que se engadirán catro máis dentro deste proxecto e, principalmente, a posta en marcha o vindeiro curso dun programa de doutoramento en Oceanografía e Recursos Mariños, da Universidade de Cabo Verde e que discorrerá asociado ao programa DoMar do Campus do Mar”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.