Equipo do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, liderado por Antonio Figueras (sentado).

Equipo do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, liderado por Antonio Figueras (sentado).

Conferencia do investigador Antonio Figueras no ciclo do CSIC ‘Que sabes de?’

O director do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo falará sobre biotecnoloxía e acuicultura

O Consello Superior de Investigacións Científicas continúa este xoves 5 de outubro, en Santiago de Compostela, co ciclo de conferencias ‘Que sabemos de?‘, iniciativa para construír unha contorna de diálogo entre a comunidade científica do CSIC e a sociedade.

Ás 19.00 horas na sede do IEGPS (San Roque, 2) o profesor de investigación do CSIC Antonio Figueras Huerta impartirá a conferencia ‘Biotecnoloxía e acuicultura: máis aló dos transxénicos’.

Antonio Figueras Huerta é doutor e licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Científico do CSIC desde 1987, na actualidade é profesor de investigación e director do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC, Vigo).

Antonio Figueras 3

Desenvolve o seu labor no grupo de investigación Inmunología e Xenómica do IIM, que ten por obxectivos incrementar o coñecemento sobre o transcriptoma e proteómica da resposta inmune de peixes e moluscos fronte a patóxenos, identificar xenes que se poidan empregar como marcadores en procesos de selección xenética e mellorar a resposta inmune mediante o uso de inmunoestimulantes e vacinas. Dirixe tamén o Laboratorio Nacional de Referencia de Enfermidades de Moluscos Bivalvos.

Foi o coordinador do proxecto Consolider ‘Aquagenomics‘, financiado con seis millóns de euros e no que participaron 18 grupos de investigación. Na actualidade é o investigador principal, entre outros proxectos, de ‘Mellora da produción en acuicultura mediante ferramentas de biotecnoloxía’ e ‘Secuenciación do xenoma do mexillón galego‘. En canto á súa experiencia no campo da xestión, foi vicepresidente de Investigación Científica e Técnica do CSIC (2012-2014).

Figueras dirixe o equipo do CSIC que está a secuenciar o xenoma do mexillón

No seu relatorio explicará que, nun contexto caracterizado pola sobreexplotación dos caladoiros internacionais e un nivel de capturas procedente das actividades pesqueiras que chegou practicamente ao máximo que pode alcanzarse, a biotecnoloxía podería axudar a conseguir unha produción economicamente rendible de animais sans cun impacto ambiental limitado.

“A produción acuícola española é liderada por Galicia e, con todo, a aposta pola biotecnoloxía mariña é un dos grandes desafíos pendentes da investigación nesta comunidade autónoma. A estratexia de especialización intelixente (RIS3) e a de Blue Growth da Unión Europa é unha estupenda oportunidade para unir o potencial investigador galego para avanzar decididamente nesta dirección. Poucas son as autonomías en España que reúnen as potencialidades de Galicia nesta actividade científica e na industria”, destaca Figueras.

Tamén incidirá nas posibilidades que brinda a biotecnoloxía para aproveitar todo o que teñen os seres vivos no noso beneficio e non só na produción de animais para o consumo. Así, poñerá exemplos de uso dos recursos do mar como fonte de produtos naturais ou mesmo como enerxías alternativas.

Figueras dirixe o Laboratorio de Referencia Nacional en doenzas de bivalvos

“Nos mexillóns descubriuse unha nova clase de péptidos antimicrobianos, con actividades antivirais e antibacterianas, chamada myticina C. Os peixes cebra son vertebrados, como os ratos, e por tanto máis próximos aos seres humanos que as moscas ou os vermes. Con todo, a diferenza dos ratos, os peixes cebra son moi baratos de criar e manter. Estas características convérteno nun modelo óptimo para o estudo da resposta inmune en especies de interese na acuicultura e como modelo en distintos aspectos de biomedicina para estudar doenzas no ser humano, como a leucemia e o melanoma”, avanza.

O ciclo, que se iniciou o 22 de setembro cunha conferencia a cargo de Alfredo Alvar (Centro de Ciencias Humanas e Sociais), continuará tras a conferencia de Antonio Figueras os seguintes días en horario de tarde (19.00 horas) cos seguintes relatores e temas.

O 13 de outubro Carmen Martínez (Misión Biolóxica de Galicia) falará sobre “A vide, o viño e o CSIC”; o 20 de outubro Rosa Menéndez (Instituto Nacional do Carbón), pronunciará a conferencia “O grafeno”; o 27 de outubro con Ana Martínez (Instituto de Química Médica) disertará acerca de “O Alzheimer”, e o 4 de novembro con Francisco Javier Martín-Torres (Instituto Andaluz de Ciencias da Terra) pronunciará a conferencia “A vida no universo”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.