Alumnos de Minas e membros da Sociedade Nuclear Española.

Alumnos de Minas e membros da Sociedade Nuclear Española.

Cen estudantes da UVigo participaron nun obradoiro sobre enerxía nuclear

O curso estivo organizado pola Sociedade Nuclear Española

Preto de 100 persoas participaron o pasado venres na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía nun obradoiro básico sobre ciencia e tecnoloxía nuclear, organizado por Jóvenes Nucleares, organización dependente da Sociedade Nuclear Española.

Ao longo da xornada, os participantes puideron coñecer a realidade deste tipo de enerxía, atendendo tanto aos seus principios físicos como ás súas aplicacións na vida diaria ou á xestión dos seus residuos. Os obxectivos desta iniciativa céntranse en achegar coñecementos xerais, polo que non era preciso formación previa, e resolver os aspectos máis sociais ou mediáticos, como os referidos á seguridade das centrais ou o seu impacto ambiental.

En total participaron neste obradoiro 95 membros da comunidade universitaria nun curso estruturado en nove sesións de 30 minutos impartidas por especialistas neste eido, procedentes de entidades como a Universidade Politécnica de Madrid, CNAT (Centrais Nucleares Almaraz-Trillo) e as empresas Enusa e Tecnatom.

Nun primeiro bloque os asistentes puideron achegarse aos principios básicos da física nuclear e a radiación; ao funcionamento das centrais nucleares centrándose nos circuítos de refrixeración e conversión a electricidade; o ciclo de combustible; a seguridade nuclear e a protección radiolóxica, analizando como nos afectan as radiacións ionizantes, como se miden e cales son as medidas de protección. Na segunda parte da sesión abordáronse dous temas principais e de especial relevancia pública: os residuos e as aplicacións prácticas da enerxía nuclear. Por unha banda, os especialistas abordaron o complexo escenario da xestión dos residuos e a desmantelación de instalacións radioactivas e nucleares tanto dende o punto de vista técnico como legal. Por outra banda tamén fixeron unha aproximación ás centrais nucleares do futuro e os avances tecnolóxicos que suporán.

Finalmente, as e os participantes puideron coñecer diferentes usos para a tecnoloxía nuclear en sectores como a medicina, tanto na diagnose como no tratamento, a industria, a arqueoloxía ou a alimentación, para mellorar a conservación dos produtos. O curso pechouse cunha sesión sobre a enerxía nuclear ante o escenario do cambio climático e as súas potencialidades no eido da sustentabilidade.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.