Reunión da Cátedra do Pan este luns en Lugo. Imaxe: USC.

Reunión da Cátedra do Pan este luns en Lugo. Imaxe: USC.

A Cátedra do Pan explora novas liñas de traballo con científicos do Campus Terra

O xerente do grupo Da Cunha, impulsor do proxecto xunto á USC, reuniuse este luns cunha ducia de grupos de investigación

A Cátedra do Pan e do Cereal, unha iniciativa promovida polo grupo empresarial Da Cunha que alberga como obxectivos xerais a investigación, o fomento da docencia e a difusión dos coñecementos no ámbito do pan e dos cereais, atopa no Campus Terra da USC un amplo abano de resortes nos que apoiarse para avanzar e dar continuidade no desenvolvemento de proxectos de I+D+i xa comezados polo grupo Da Cunha, ademais de contar con recursos científicos acaídos para emprender novos proxectos, tal e como se puxo de manifesto na reunión que mantiveron o xerente e propietario do grupo Da Cunha, Manuel Da Cunha, con membros de máis dunha ducia de grupos de investigación con base na sede universitaria luguesa, e o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro.

O Campus Terra xa conta con 2.000 hectáreas dedicadas ao cultivo de trigo autóctono

O encontro promovido pola directora da Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC, Ángeles Romero, entre investigadores da sede universitaria luguesa e o máximo responsable do Grupo Da Cunha, permitiu constatar as múltiples achegas e o potencial en I+D+i dos diferentes grupos de investigación do Campus Terra ao eido de actuación da citada cátedra, cuxa empresa promotora conta na actualidade en Galicia cunha superficie de preto de 2.000 hectáreas dedicadas ao cultivo de trigo autóctono. O sistema de produción de parte desta extensión desenvólvese segundo criterios ecolóxicos, precisou Ángeles Romero.

Romero sinalou asemade que esta primeira toma de contacto entre empresa e investigadores permitiu sentar as bases para a promoción de futuras liñas de investigación no marco dos Traballos de Fin de Grao ou Mestrado, así como para debater futuros proxectos cooperativos no ámbito da Cátedra e, nomeadamente, sobre as liñas de acción ás que o grupo Da Cunha conceda un carácter prioritario.

“O bo desta cátedra é que resulta tan interdisciplinar que ten liñas de traballo acaídas e nas que poden ter cabidas todos os grupos de investigación do Campus Terra da USC”, salientou Romero. A directora da Cátedra do Pan e do Cereal da USC, a primeira adscrita ao Campus Terra e que comezou a súa andaina en 2016, sinalou como obxectivos específicos da mesma abordar a historia da elaboración do pan en Galicia, así como da selección e produción de cereais autóctonos e o seu impacto na economía galega. A selección e mellora dos cereais que permiten a produción do pan galego e outros produtos derivados, e os procesos de panificación con metodoloxías innovadoras e alternativas para conseguir un maior valor engadido constitúen outros dos cometidos nos que pretende avanzar a Cátedra do Pan e do Cereal, dixo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.