Venres 29 Marzo 2024

Case mil docentes da UVigo participaron no programa Erasmus+ dende 2001

A mobilidade internacional non é patrimonio exclusivo do alumnado universitario e aínda que é o estudantado o que máis participa en programas de intercambio como o Erasmus+, a presenza do profesorado é cada vez maior. Así se confirma no caso da Universidade de Vigo, onde desde o curso 2001-2002 ao pasado 2015-2016 foron 934 as e os docentes que participaron no programa Eramus+, que financia estadías dun mínimo de dous días e dun máximo de cinco nos países cos que a institución académica viguesa ten asinados convenios.

Dos 24 docentes que no curso 2001-2002 tomaron parte no programa de mobilidade internacional, a cifra foi incrementándose progresivamente ata chegar ao curso pasado 2015-2016 no que participaron un total de 92 profesoras e profesores, a cifra máis elevada rexistrada nos 15 últimos cursos. Un aumento que a responsable da Oficina de Relacións de Internacionais da Universidade de Vigo, Amelia Rodríguez, explica “polos contactos que fan os profesores, que lles permite despois participar noutras accións, proxectos, etc; pola mellora do currículo e recoñecemento que reciben pola súa participación e a mellora do coñecemento das universidades socias que reverte en mobilidades de mellor calidade para os estudantes”.

Publicidade

Por países, Portugal con 34 estadías e Italia con 25, foron os destinos maioritarios do profesorado vigués, que tamén elixiu Alemaña, Francia e Polonia, como destinos máis demandados o pasado curso. “Portugal e Italia son unha constante. Con ambos países temos moitas accións de mobilidade, Portugal por razóns obvias de proximidade e Italia por ser o país ao que máis enviamos estudantes e do que máis recibimos e ambos, tamén, pola facilidade que dan os idiomas”, explica Amelia Rodríguez. En canto aos centros que máis docentes enviaron ao estranxeiro co programa Erasmus+ o pasado curso, Filoloxía e Tradución colocouse á cabeza con 18 profesoras e profesores, seguido de Ciencias Xurídicas e do Traballo con 17.

O pasado 26 de xaneiro concluía o prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria de participantes no programa Erasmus+ para profesores para este curso 2016-2017, no que as estadías deberán realizarse entre o 6 de marzo e o 15 de setembro. Estas comisións de servizo terán unha duración mínima de dous días de docencia e dun máximo de cinco, podendo ampliarse ata un máximo de dous meses sen financiamento adicional con cargo ao programa Erasmus+. Para este curso a Universidade de Vigo consignou 85.000 euros para a financiación destas estadías, que contemplan condicións económicas diferentes dependendo da distancia das viaxes e dos países de destino que van de Islandia a Grecia, pasando por Turquía, Reino Unido, Austria, República Checa, Suecia, Eslovenia, Países Baixos, Bulgaria ou Noruega.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro

“O ingreso de mulleres nas carreiras de enxeñería está en declive”

Soledad Torres Guijarro, profesora na UVigo, investiga na actualidade a contaminación acústica nos ecosistemas submarinos e como reducila