Campus da Auga

Abren o prazo para solicitar espazos de investigación no edificio do Campus da Auga

Coas obras de construción do edificio do Campus da Auga a pleno rendemento e cumprindo os prazos previstos, a Vicerreitoría do Campus de Ourense vén de facer pública a convocatoria para que os grupos de investigación deste campus poidan solicitar espazos de investigación neste novo edificio, que se prevé estea rematado a finais de ano. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 3 de marzo de 2017.

Segundo recolle a convocatoria, o edificio conta con dous tipos de espazos, zonas susceptibles de cesión a grupos de investigación e zonas comúns a todo o persoal usuario. As zonas susceptibles de cesión a grupos de investigación son espazos de investigación nas plantas dúas e tres e espazo de altura especial no Laboratorio de Hidráulica na planta baixa. Os espazos serán repartidos en módulos de 39,20 metros cadrados, segundo o tamaño e a actividade do grupo, e poderán ser de uso exclusivo ou compartido entre varios grupos. Unha parte do espazo quedará reservado para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos e/ou a asignación a investigadores de nova incorporación á Universidade de Vigo. Tamén poderá ser solicitada algunha zona do Laboratorio de Hidráulica para actividades ou equipos que necesiten unha altura especial. As zonas comúns a todo o persoal usuario serán un espazo polivalente e cuartos de instalacións na planta semisótano e a sede corporativa, sala de xuntas e espazos de administración nas plantas unha, dúas e tres.

A concesión dos espazos terá unha duración máxima de tres anos

A concesión de espazos no edificio do Campus Auga terá unha duración máxima de tres anos. De cara a optimizar o uso, a Comisión de Investigación e Infraestruturas realizará unha revisión anual da utilización dos espazos para comprobar que a mesma se axusta ao especificado nas solicitudes, e en caso de que o grao de utilización das mesmas sexa claramente inferior ao especificado, poderá propoñerse a revogación da concesión.

Poderán solicitar espazos dentro desta convocatoria os grupos de investigación que cumpran varios requisitos: todos os membros do grupo deben desenvolver as súas tarefas de docencia e investigación no campus de Ourense e ter unha traxectoria continuada de actividade de I+D+i nalgún dos eixos estratéxicos do Campus da Auga e ter necesidade demostrable do tipo de espazo proporcionado polo centro do Campus da Auga. A composición de membros dos grupos de investigación que soliciten espazos poderá ser diferente a dos grupos de investigación rexistrados na web da Vicerreitoría do Campus de Ourense ou a dos rexistrados no SUXI.

As solicitudes deberán presentaranse antes do 3 de marzo de 2017 ás 14.00 horas, segundo o modelo e as indicacións recollidas na convocatoria. A avaliación das solicitudes será feita por unha Comisión de Investigación e Infraestruturas, a proposta da Vicerreitoría do Campus de Ourense.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.