grupo aresa

Aberta a convocatoria do premio Aresa a iniciativas de desenvolvemento rural

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, ademais Carlota López, directora adxunta do grupo empresarial de subministros agragandeiros, deron a coñecer esta mañá na capital lucense as bases da nova convocatoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural,  un galardón de recoñecido prestixio que vai xa pola súa décimo sétima edición.

“Levamos máis de quince anos apoiando conxuntamente iniciativas empresariais que contribúen á mellora da calidade de vida no medio rural galego porque queremos dinamizalo, conservar as actividades agrícolas, gandeiras e forestais e modernizar os sistemas produtivos”, apuntou Rodríguez Eiras, quen tamén indicou que impulsan o Premio Aresa co desexo de que a Galicia rural “ sexa unha boa oportunidade laboral e vital para as vindeiras xeracións”.

Poderán presentarse tanto proxectos de actividade empresarial coma empresas xa consolidadas ou empresarios/as cunha ampla traxectoria, e tamén traballos de I+D+i, sempre que teñan unha aplicación práctica no sector primario. As persoas aspirantes deberán entregar a súa proposta e a documentación correspondente nos rexistros dos campus universitarios de Lugo ou de Santiago de Compostela antes das 14.00 h do 28 de outubro deste ano.

O premio, que chega a edición número 17, está dotado con 10.000 euros

Como vén sendo habitual, as candidaturas serán valoradas por un xurado especializado, integrado por destacados/as representantes da Universidade e do mundo da empresa. Na elección do proxecto premiado primarán a viabilidade económica, a creación de emprego e a innovación. O/a gañador/a, cuxa identidade se fará pública durante o mes de decembro, será recompensado/a cunha dotación de 10.000 euros.

Aresa é un grupo empresarial familiar con máis de 40 anos de andaina, dedicado á distribución de fertilizantes, pensos e outros produtos para a agricultura e gandería. Conta con 50 empregados/as e unhas instalacións de 15.000 m 2 situadas en Lugo e Begonte, ademais de no municipio rabadense.

A empresa matriz, Aresa, xunto coa súa empresa participada Soaga, é líder na cornixa cantábrica e en Galicia, Castela e Portugal, comercializando anualmente 300.000 toneladas de fertilizantes. Dentro desta ampla oferta destaca o famoso Fertimón, así como a liña de fertilizantes especiais Fertiland, deseñada para praderías, milleirais, viñedos e patacas.

Recentemente creáronse outras firmas para satisfacer todas as necesidades da xente do rural: Todocampo, cadea de tendas de produtos para a agricultura, a gandería, a xardinería e as mascotas, e Cecoagro, de fabricación de alimentos para o gando e animais de compañía, e un importante mercado de plásticos de agricultura, sementes e fitosanitarios. O volume de facturación conxunto de Aresa e de Soaga aproxímase aos 200 millóns de euros.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.