Venres 29 Marzo 2024

A UVigo inicia o procedemento para acadar a acreditación HR Excellence in Research

Desde que a Comisión Europea recomendase no ano 2005 a implementación da Carta Europea do Investigador e do Código de Conduta para a contratación de investigadores, unhas 1200 institucións de 35 países europeos e de fóra de Europa adheríronse a esta iniciativa e máis de 200 institucións xa obtiveron o selo HR Excellence in Research. No caso concreto de España, da trintena de institucións que acadaron este selo, só tres son universidades: Universitat Autónoma de Barcelona, Universitat Pompeu Fabra e Universitat Rovira i Virgili.

A Universidade de Vigo inicia agora un proceso que comeza pola definición da Estratexia de recursos humanos para o persoal investigador (HRS4R), con obxectivo de incluír a Carta Europea do Investigador e o Código de Conducta para a contratación de investigadoras e investigadores dentro das súas políticas e prácticas. “Tendo en conta que unha das misións básicas da universidade é a actividade de investigación e transferencia, é importante que prestemos atención á mellora continúa dos procedementos relacionados co recrutamento e o desenvolvemento da actividade do persoal investigador”, explica a vicerreitora de Investigación, Asunción Logo, que asegura que, neste sentido tanto a Carta como o Código proporcionan uns principios básicos que constitúen unha guía clave para calquera organismo de investigación, ao abranguer aspectos como os procedementos de recrutamento e as condicións de traballo, pero tamén aspectos éticos e de formación.

Publicidade

Se internamente o proceso para a implantación desta acreditación internacional permitirá á institución dispor dunha diagnose de fortalezas e debilidades e formular un plan de acción para mellorar, cara ao exterior, o HR Excellence in Research supón un selo de calidade e un compromiso da institución coa investigación e a mellora de todos os procesos asociados, así como un elemento de diferenza con aquelas institucións que non adquiran este compromiso. “Fundamentalmente a Universidade de Vigo para obter esta acreditación debe expresar e asumir o compromiso de identificar as diferenzas e formular un plan de acción axeitado. E por suposto, ao longo do tempo debe ir cumprindo ese plan de acción proposto e avaliando os resultados acadados en sucesivas revisións”, detalla Longo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro

“O ingreso de mulleres nas carreiras de enxeñería está en declive”

Soledad Torres Guijarro, profesora na UVigo, investiga na actualidade a contaminación acústica nos ecosistemas submarinos e como reducila