S0028049

A USC lembra a figura de Luís Porteiro Garea, fundador da Irmandade da Fala de Santiago

No ano no que se conmemora o centenario das Irmandades da Fala, a USC sumouse este xoves ás homenaxes cun recordo ao que fora profesor da Universidade de Santiago e un dos fundadores das Irmandades en Santiago, Luís Porteiro Garea (Lugo, 1889 – Frades, 1918).

O acto comezou na Biblioteca Concepción Arenal, onde se inaugurou unha exposición sobre a traxectoria académica e universitaria de Porteiro comisariada por Fran Méndez, Alba Nogueira e Anxo Doval, este último como responsable da documentación. Presidida polo reitor Juan Viaño, interviñeron no acto o alcalde da cidade, Martiño Noriega; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González; a valedora do Pobo, Milagros Otero; e o catedrático emérito da USC José Antonio Gómez Segade, que fixo un emotivo discurso nunha sala ateigada de público entre o que se atopaban familiares de Luis Porteiro. Logo da inauguración, trasladáronse á Facultade de Dereito para asistir á colocación dun vítor realizado pola escultora Soledad Penalta.

DSCF8016

Viaño lembrou no seu discurso a revisión que hoxe se está facendo do movemento político, social e cultural dos Irmandiños, que subliña a súa modernidade e as súas ansias de reinterpretar a herdanza provincialista do XIX “baixo o prisma dos movementos que xorden co novo século,  moi en especial o republicanismo e o agrarismo, e mesmo nalgunha medida o feminismo”.

Para o reitor, o pensamento de Luís Porteiro presenta “a lucidez e radicalidade da xuventude”. “Nel vemos o avogado que nos primeiros anos da súa carreira profesional non rexeita defender sindicalistas en Madrid e o republicano federalista, temperán teórico do galeguismo, que reflexiona sobre a nosa realidade rural ou sobre a interacción Galicia-España”, dixo, á vez que recoñeceu a súa “decidida e favorable postura” acerca da presenza da lingua galega na universidade e na vida pública e política.

Luís Porteiro licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela en 1911 con Santiago Carro, Fernández Mato, Xaime Quintanilla, José Fuciños e o mesmo Castelao, e alentados por Salvador Cabeza de León e Armando Cotarelo pulan polo emprego do galego na universidade. Desde a asociación estudantil Joven Galicia mobilízanse pola constitución da Biblioteca América á que se negaba a reitoría, reclaman a cátedra de Lingua e Literatura Galaico Portuguesa que se pretendía instaurar en Madrid e demandan unha facultade de letras e ciencias.

Como avogado, defendeu dende o seu despacho aos mártires de Nebra

En 1911 comeza a publicar na Gazeta de Galicia na sección «Del ambiente»  e outras colaboracións con temas universitarios e de actualidade, sempre desde posturas progresistas na defensa dunha educación universal e aliñado coas posturas feministas da época, coa redución da xornada laboral, coas ideas sociais de J. Costa ou coa reivindicación da identidade galega.

Na revista Suevia publica en 1913 Resurgimiento Gallego, un manifesto anticaciquil e agrarista no que pon exemplos da súa curta experiencia como secretario do Concello de Arzúa. De 1912 a 1913 reside en Madrid preparando a tese de doutoramento que presenta a finais de ano na Universidade Central co título El sistema parlamentario y sus relaciones con el caciquismo.

En Madrid publica no xornal lerrouxista El Radical na sección «Galicia», na que o caciquismo foi o tema recorrente e onde fixo un achegamento á singularidade dos problemas do campo galego. Vincúlase ao grupo intelectual máis galeguista en Madrid con Rodrigo Sanz e Aurelio Ribalta cos cales, posteriormente, colabora na revista Estudios Gallegos.

En 1915 comeza o seu labor docente como profesor de Dereito Civil na Universidade de Santiago. Exerceu de secretario da facultade e desenvolveu o posto de secretario xeral da universidade. O 16 de setembro dese mesmo ano pronuncia a que foi a primeira  conferencia en galego na universidade, titulada A transformación do Dereito civil pola Gran Guerra, onde se centra no dereito público. En 1916 pronuncia en Vigo outra conferencia sobre Influencia de la Guerra en el derecho público y privado, que versa máis sobre o dereito privado e na que debulla moitos dos seus posicionamentos sobre o feito diferencial de Galicia.

En 1915 preséntase a concelleiro de Santiago de Compostela polos agraristas e resulta nomeado en decembro ao non haber candidatos suficientes, cargo que exerce ata o seu pasamento.

Ademais do seu labor como docente na universidade, abre un despacho de avogado en Santiago desde onde defende os afectados polos incidentes de Nebra (Mártires de Nebra) ou na folga do 17 aos obreiros de Santiago, polos que tamén foi encadeado.

O 18 de maio de 1916 constitúese a primeira Irmandade da Fala na Coruña; a segunda foi a de Santiago de Compostela días despois nun acto no que Porteiro dá o discurso inaugural.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.