Xoves 28 Marzo 2024

A USC acolle unha exposición dos debuxos de nenos que sufriron o Holocausto

O pasado 27 de xaneiro celebrouse Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto. Para lembrar esta data, varias entidades reuníronse para organizar en Santiago de Compostela unha mostra cos debuxos de nenos e nenas que sufriron entre 1940 e 1945 no campo nazi de Terezín (República Checa). A exposición ‘Os nenos que viviron e debuxaron o Holocausto. Debuxos dos nenos do gueto de Terezín’ inaugúrase este venres 3 ás 18.00 horas no claustro alto (primeiro piso) do Colexio de Fonseca, onde permanecerá aberta ata o 24 de febreiro en horario de luns a venres de 9.00 a 21.00 e os sábados ata as 13.00 horas.

Organizada pola Comunidade Xudea de Galicia, a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, o Centro Checo de Madrid e a USC, a mostra consta de 33 debuxos realizados na chamada Kleine Festung Theresienstadt (pequena fortaleza de Terezín), que fora un centro de aloxamento para militares dende a finalización da súa construción en 1784 e que case dous séculos despois pasaría a albergar o horror.

Publicidade

Na chamada “sala de espera do inferno” estiveron recluídos os considerados inimigos do réxime nazi entre 1940 e 1945, entre eles moitos intelectuais de orixe xudía, algo que explica a intensa actividade cultural nese campo de concentración.

A Terezín chega a finais de 1942 Fredericke «Friedl» Dicker-Brandeis, unha muller clave na organización –clandestina­– de clases de arte para a poboación infantil que se atopaba alí recluída. Ensinoulles a debuxar aos nenos e nenas á vez que deseñaría os decorados e o vestiario para representacións infantís como a Ópera Brundibár do compositor checo Hans Krása, tamén recluído en Terezín, e que recentemente se representou en Compostela.

O seu principal obxectivo era restablecer o mundo interior dos pequenos a través da expresión artística de modo que puideran canalizar as súas emocións e entender o seu entorno. Friedl exercía unha grande influencia positiva sobre todos eles ata que en setembro de 1944 o seu marido foi transportado a Auschwitz e Friedl voluntariamente aceptou acompañalo.

Con ela irían algúns dos seus alumnos camiño da morte, mais os que sobreviviron conseguiron conservar miles de debuxos realizados nas súas clases e con eles a testemuña de que todo o que se pretendía ocultar baixo a fachada da fortaleza existiu e debe ser lembrado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Exposicións, obradoiros, rutas e premios: as outras actividades divulgativas de Gciencia

O portal da ciencia galega emprendeu ao largo da súa traxectoria numerosas actividades para sacar a divulgación á rúa

Francisco de Neira, o físico que desterrou a Aristóteles de Compostela

O científico logrou que a Universidade de Santiago aparcase a física aristotélica non sen unha grande oposición

Os cadros expoliados polos nazis, expostos en Pontevedra antes de regresar a Polonia

Unha nova análise das pezas atribúelle unha cronoloxía máis tardía có século XVI, polo que non serían orixinais de Dieric Bouts, como se cría

As obras espoliadas polos nazis en Polonia que acabaron no Museo de Pontevedra

A Deputación devolverá ao Estado polaco un díptico que foi adquirido por José Fernández, fundador de Pescanova, e cedido posteriormente ao museo provincial