Sábado 20 Abril 2024

A Universidade de Vigo bate o seu mínimo de emisións, con 21.397 Tm de CO2

Dende 2009, cando se marcou un máximo histórico, as emisións de CO2 da Universidade de Vigo teñen unha clara progresión descendente. Os datos do pasado 2014 amosan que a institución marcou un mínimo histórico dende que se comezou en 2008 a realizar estudos sobre o impacto ambiental das actividades universitarias. Segundo o informe A Pegada Ecolóxica da Universidade de Vigo 2014, que vén de publicar a Oficina de Medio Ambiente, no pasado ano rexistráronse 21.397 Tm de CO2 emitidas á atmosfera. A principal fonte contaminante continúa a ser o transporte do estudantado e do persoal aos tres campus, principalmente ao de Vigo, o máis numeroso e tamén o máis afastado da cidade. As emisións totais tradúcense nunha pegada ecolóxica de 0,179 ha/persoa/ano, é dicir, que a superficie necesaria para fixar ou compensar esas emisións sería de 4107 hectáreas de bosque.
Un dato que non varía ano tras ano é o peso da mobilidade, que se consolida como a principal fonte de emisión. De feito, o transporte de estudantes e persoal nos tres campus representa preto do 56% do CO2 emitido. O campus de Vigo é o que máis contribúe a estas cifras, e representa o 83% das emisións asociadas á mobilidade do conxunto da institución, seguido de Pontevedra cun 9% e Ourense cun 8%. Por detrás do transporte, a segunda fonte de máis impacto é a edificación, que contribúe á pegada ecolóxica global cunha porcentaxe do 17%, debido a que os tres campus contan cunha superficie construída total de 351.149 m2. O gasóleo, pola súa banda, supuxo o 13% das emisións ao ano 2014, xa que este tipo de combustible é utilizado para calefacción en todas as instalacións e centros, coa excepción dos localizados no centro de Vigo, algúns edificios da Cidade Universitaria no campus de Vigo e o CITI de Ourense, que empregan gas natural. A electricidade contribúe co 11% á pegada ecolóxica, mentres que o papel, os residuos, o gas natural, a auga e a biomasa supoñen unha achega moi baixa de emisións en comparación coas fontes anteriormente citadas. Analizando os campus por separado, pódese destacar que no de Vigo a importancia relativa das emisións asociadas á mobilidade é superior ao global, cun 63% das emisións de CO2. Este feito explícase pola situación xeográfica do campus, a uns 15 quilómetros do centro urbano, unha distancia cinco veces maior ca dos campus de Ourense e Pontevedra.
Máis información no seguinte enlace:
http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=10703&Itemid=39

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UDC propón políticas de transición enerxética para 13 rexións con altas emisións de CO2

O proxecto europeo ENTRANCES, liderado dende a institución coruñesa, estudou 13 zonas europeas en proceso de descarbonización

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Velutinas, porco vietnamita, cangrexo vermello… Así chegan a Galicia as especies invasoras

María José Servia, investigadora da UDC, augura novos exemplares “co foco poco posto nos himenópteros: avespas, formigas e abellas”

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo