Venres 29 Marzo 2024

A Universidade de Vigo amplía o seu cadro de doutores honoris causa

A Universidade de Vigo verá a vindeira semana ampliado o seu cadro de doutores honoris causa con dúas figuras senlleiras nos seus respectivos campos de estudo: Erín Moure, no mundo da poesía e a tradución, e Emilio Rolán, na taxonomía de moluscos mariños. Será nunha cerimonia á que está convidada toda a comunidade universitaria e que se celebrará ás 12.00 horas do vindeiro mércores día 22 de xuño no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Erín Moure será a segunda muller nomeada doutora honoris causa da UVigo

 A primeira en tomar posesión do seu novo título será a poeta e tradutora canadense Erín Moure que, acompañada da súa madriña, a profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Belén Martín Lucas, recibirá os atributos que a acreditan como doutora honoris causa: o libro da ciencia e sabedoría, o anel e as luvas brancas. O nomeamento de Moure como doutora honoris causa, aprobado no Consello de Goberno do pasado 12 de febreiro, realizouse a proposta do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá e contou tamén co apoio de entidades alleas á propia Universidade como a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Fundación Rosalía de Castro.

Publicidade

Bisneta de galego, Moure é unha firme defensora da lingua galega, idioma que comezou a aprender en 1998, así como unha destacada tradutora de poetas galegas como Rosalía de Castro, Chus Pato ou Lupe Gómez. Vinculada á Universidade de Vigo desde o ano 2008 a través do Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias, dirixido polas profesoras Belén Martín e Ana Bringas, Moure converterase na vixésimo quinta doutora honoris causa pola institución académica viguesa e na segunda muller en recibir este recoñecemento.

Emilio Rolán ten descrito máis de mil novas especies de moluscos

 Tras Erín Moure, o doutor e biólogo guardés Emilio Rolán Mosquera será tamén investido doutor honoris causa da Universidade de Vigo. Neste caso actuará como padriño o profesor da Facultade de Bioloxía Pedro Pablo Gallego Veigas, impulsor xunto cos docentes Armando Caballero, Manuel Ángel Pombal e Jesús Souza Troncoso dun nomeamento que foi aprobado, a petición do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía, por Consello de Goberno o pasado 15 de abril.

Rolán Mosquera será pois o vixésimo sexto doutor honoris causa da Universidade de Vigo, un nomeamento que chega en recoñecemento á súa ampla contribución á ciencia, sobre todo no campo da taxonomía dos moluscos mariños, coa descrición de máis de 1000 especies novas, así como polo seu labor como divulgador da ciencia e da cultura de Galicia, chegando a catalogar máis de 25.000 lotes de cunchas exposta no Museo de Historia Natural Luis Iglesias, sen esquecerse tampouco das súas numerosas achegas en eidos como a pintura e a literatura.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Por que a clonación é tan rara na natureza

A partenoxénese é un tipo de reprodución asexual que empregan as femias dalgunhas especies para realizar copias de si mesmas

Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

Na universidade coruñesa as rapazas xa representan un 18% das incorporacións, mentres que na viguesa acadan o 19%