Venres 29 Marzo 2024

A Unión Xeofísica Europea reunirá en Ourense un cento de investigadores de 25 países

A Unión Xeofísica Europea celebra cada ano una conferencia dedicada ao ciclo hidrolóxico. Son as chamadas EGU Leonardo Conferences. Do 25 ao 27 de setembro a cidade de Ourense acollerá a celebración da oitava edición desta conferencia, que por primeira vez ten lugar en España. Arredor de 100 investigadores e investigadoras de 25 países participarán no encontro, organizado nesta ocasión polo grupo Ephyslab da Facultade de Ciencias do campus de Ourense. O tema elixido para esta edición é a rama atmosférica do ciclo hidrolóxico, abordando todos os aspectos que van dende a evaporación da auga ata a súa precipitación.

A oitava EGU Leonardo Topical Conference Series on the Hydrological Cycle está coordinada polos docentes e investigadores da Universidade de Vigo Luis Gimeno e Raquel Nieto. “A proposta de celebrar en Ourense a conferencia así como a súa temática foi presentada polo profesor Luis Gimeno á Unión Xeofísica Europea hai dous anos. Un comité internacional da EGU sobre estas conferencias finalmente aceptou a proposta e desde entón traballamos na súa organización desde o grupo Ephyslab”, apunta Raquel Nieto. Sobre a importancia de abordar a temática escollida este ano, os coordinadores do evento recalcan que “este é un dos grandes temas científicos do momento” no marco da preocupación polo cambio climático. “Un estudo detallado do transporte de humidade dende os océanos ou dende fontes terrestres ata os continente pode axudar a comprender mellor os cambios observados no ciclo hidrolóxico e os procesos físicos que resultan nas proxeccións de cambio climático no futuro”, destacan Gimeno e Nieto.

Publicidade

Á cita asistirán un centenar de investigadores e investigadoras procedentes de 25 países, o 50% europeos e o resto de países como Australia, Sudáfrica, Taiwán, Estados Unidos, Brasil ou Costa Rica. Presentaranse 50 conferencias orais e 45 posters nos que se exporán as máis recentes investigación sobre o tema do encontro. “A convocatoria tivo un grande éxito, xa que a media de participantes nestas conferencias é de 50 persoas. Isto xa é indicativo da alta importancia do tema atmosférico dentro da comunidade científica dedicada ao ciclo hidrolóxico”, sinala Raquel Nieto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro