‘Sistemas de Información Xeográfica, xestión do territorio e coñecemento histórico’ é o lema que agrupa os quince artigos que conforman a táboa de contidos do volume 27 da revista Sémata. Ciencias Sociais e Humanidades, presentado este mércores na Facultade de Xeografía e Historia. A edición do novo número da revista corresponde a Antón A. Rodríguez Castro e Ramón Blanco Chao.
O volume 27 recolle unha colección de achegas propostas por investigadores galegos, do resto de España así como doutros países europeos, nos que abordan cuestións que con carácter multidisciplinario reúnen ámbitos como a bioloxía, a cartografía, a arqueoloxía ou a prehistoria, entre outros. Como mostra, o novo número inclúe unha serie de reflexións sobre as tecnoloxías da información xeográfica aplicadas á análise da relación entre a vexetación e as taxas de desprazamento de dunas en Maspalomas, o uso de ferramentas informáticas para a cuantificación cerámica, unha achega á arte rupestre galaica dende a estatística espacial e os SIX ou os sistemas de información xeográfica aplicados á arqueoloxía urbana, entre outras.
O portal de Sémata publica en galego, portugués, catalán, español, francés, inglés, alemán e italiano
Sémata é unha revista interdisciplinaria, de periodicidade anual, que publica traballos orixinais de investigación sobre calquera das especialidades relativas das Ciencias Sociais e as Humanidades. Os números da revista teñen un carácter monográfico e rotatorio entre as áreas de Xeografía, Historia e Historia da Arte.
A revista atópase indexada nas bases de datos CIRBIC, DIALNET, DICE, FRANCIS, LATINDEX, ISOC, Modernitas Citas, REBIUN, RESH, Ulrich’s Directory, MIAR e REDIB. Conta cun índice de impacto en Humanidades de 4.380 (MIAR), unha valoración de difusión internacional do 10.5% (DICE), a categoría B (ANEP) e cumpre 32 dos 33 criterios de LATINDEX. O portal de Sémata publícase en galego, español e inglés; e as linguas de publicación son o galego, portugués, catalán, español, francés, inglés, alemán e italiano.