Venres 29 Marzo 2024

A Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo estrea en Ourense o seu ‘Foro Aero’

O pasado día 1 de setembro a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo abriu as súas portas por primeira vez aos estudantes. Despois de varias semanas de rodaxe, o centro comeza agora a desenvolver actividades complementarias para a formación destes alumnos e alumnas. O día 20 de outubro iniciará o que será o seu primeiro ciclo de conferencias, un ciclo que baixo o título de Foro Aero traerá ao campus de Ourense a profesionais de diversos sectores para afondar na actividade aeroespacial desde diferentes perspectivas.

A primeira conferencia, que terá lugar o xoves 20 de outubro ás 16.00 h no salón de actos Marie Curie do Edificio Politécnico, levará por título Entre nubes: unha perspectiva xeral da aviación en España e será impartida por Pedro Francisco Pérez e Miguel Iruegas Parada, do aeroclub Aerocelta. A actividade deste club, tal e como poderán coñecer os asistentes á charla, céntrase en dous eixes fundamentais, como son a formación e o ocio. Aerocelta imparte en Vigo cursos de piloto privado de avión, de habilitación para voo VFR nocturno e de piloto de drones e os seus socios dispoñen ademais do avión do club para realizar todos os tipos de voo para os que están habilitados.

Publicidade

Aerocelta abrirá o programa de conferencias para alumnos e público en xeral

Segundo explica Arno Formella, director comisario da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, o ciclo está previsto que conte con seis conferencias ao longo do curso, que se desenvolverán nos meses de outubro e novembro de 2016 e xaneiro, febreiro, marzo e abril de 2017. “Convidaremos a persoas, organizacións e empresas para que dean unha visión xeral sobre a súa propia actividade aeroespacial ou que relacionen o seu campo de experiencia co campo que teñen escollido os nosos alumnos e alumnas como enfoque dos seus estudos”, comenta o responsable do centro. O obxectivo final é, apunta Arno Formella, afondar no coñecemento neste eido “ofrecendo algo motivante aos nosos estudantes, tendo en conta que o primeiro curso é principalmente teórico, e convidando á sociedade a que participe”.

Aínda que as conferencias teñen un carácter fundamentalmente técnico, xa que están pensadas para o alumnado matriculado no grao de Enxeñaría Aeroespacial, o director da escola engade que “queremos abrir as charlas a todo o público interesado no ámbito aeroespacial en xeral, ás persoas que desexen saber que se está facendo no contexto galego neste eido”. Co obxectivo de fomentar a participación, tras cada intervención desenvolverase un coloquio no que os asistentes terán a oportunidade de consultar dúbidas aos relatores, facer preguntas e ter un coñecemento máis próximo dos axentes do sector aeroespacial galego participantes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro