xornadas discriminación Ourense

A discriminación de xénero, a debate nunha xornadas técnicas en Ourense

O discurso da igualdade de xénero plásmase nun amplo acervo normativo de ámbito internacional, estatal e autonómico froito do consenso formal de todos e todas arredor desta cuestión. Porén, a realidade segue aí e os datos de violencia sexual, de diferenza de soldos entre homes e mulleres, de dificultades de conciliación de vida familiar e laboral, de acceso a postos de dirección e dun longo etcétera de cuestións amosan como as palabras non sempre se traducen nas correspondentes accións e responsabilidades. Co obxectivo de suscitar a reflexión arredor desta situación, desde este luns o campus de Ourense acolle as XII Xornadas Sociedade e Dereito. Baixo o título de Muller, Política e Igualdade, desenvolveranse 31 conferencias de expertos do ámbito político, social, cultural e académico co obxectivo de afondar desde o rigor e a interdisciplinariedade na discriminación de xénero. “O maior desafío que temos é o paso da igualdade formal (de iure) á igualdade substantiva (de facto). Temos alcanzado cotas de igualdade inimaxinables hai apenas unhas décadas pero, con todo, a igualdade real non está acadada”, recalca o coordinador das xornadas, o docente José Agustín González-Ares.

Público asistente a inauguración das xornadas.

Público asistente a inauguración das xornadas.

As xornadas se celebran os días 28 e 29 de marzo e 1, 4, e 5 de abril na Facultade de Dereito ourensá. As sesións das xornadas, que contan coa colaboración da Asociación Galega de Estudos Xurídicos, comezaron cunha conferencia de Pilar López-Guerrero, decana do Colexio de Avogados de Ourense, sobre as mulleres e a execución de penas privativas de liberdade. “Actualmente, como en tantos outros ámbitos, as prisións reflicten o sistema discriminatorio no que vivimos”, explicou López-Guerrero. As mulleres con penas de cárcere, denunciou, padecen as consecuencias dun sistema pensado para os homes, no que faltan prisións e unidades de nais para as mulleres, e no que hai un modelo de execución de penas que non está deseñado para a poboación minoritaria que representan as mulleres nas cárceres. Non existen, apuntou, igualdade de oportunidades de tratamento na prisión, poñendo como exemplo o eido da formación da poboación reclusa.

As xornadas prestarán especial atención á discriminación no eido do Dereito

Trala súa intervención deu inicio un intenso programa de conferencias que rematarán o día 5 de abril, e que incluirán máis de trinta ponencias, nas que se abordarán cuestións como a discriminación nas relacións laborais, o papel das mulleres na política, a igualdade de xénero no eido educativo, as mulleres na investigación, as últimas novidades procesuales en materia de violencia de xénero, os tribunais supranacionais ante a discriminación deste tipo ou o xénero e o sexo na doutrina do Tribunal Constitucional. Alén de analizar a realidade actual, durante as sesión tamén se afondará en cuestións de carácter histórico, como as actividades da falanxe feminina durante o franquismo, os dereitos da muller na constitución republicana de 1931 ou as mobilizacións das mulleres no século XX. Para falar destes temas entre os conferenciantes están docentes de catro universidades estatais e dunha italiana e das diferentes ramas do dereito; deputados e deputadas; representantes políticos; xornalistas; a valedora do Pobo, Milagros Otero, e a secretaria do Observatorio Internacional da Regulación das Entidades do Sector Público, Carla Casanueva, entre outros.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.