Os representantes galegos para a final da Olimpíada de Bioloxía.

Os representantes galegos para a final da Olimpíada de Bioloxía.

A Olimpíada de Bioloxía reunirá en Vigo estudantes de toda España

Os 65 gañadores e gañadoras das fases autonómicas da Olimpíada de Bioloxía competirán en Vigo en abril pola medalla de ouro e polo pase á final internacional. A Facultade de Bioloxía viguesa será, entre o 7 e o 10 do próximo mes, a sede na que se realizarán os exercicios prácticos e as probas teóricas sobre os diferentes aspectos da bioloxía que se imparten na ESO e no Bacharelato. Os representantes das comunidades autónomas estarán acompañados por profesores e membros da organización, polo que esta cita congregará máis de 100 persoas.

O decano de Bioloxía, Jesús Míguez, recibe o testemuño da Olimpíada dende León.

O decano de Bioloxía, Jesús Míguez, recibe o testemuño da Olimpíada dende León.

A Olimpíada Española de Bioloxía (OEB) organizouse por primeira vez en 2005, impulsada por un grupo de docentes de ensino secundario das Illas Canarias e, na actualidade, xa se celebran fases previas en todas as comunidades autónomas así como en Ceuta e Melilla e centros españois no estranxeiro. Nas dez primeiras edicións a organización nunca tivera recalado en Galicia. “Este foi un dos motivos que se fixeron valer polos delegados da Olimpíada para traer a fase nacional a Galicia, e tamén foi un motivo que nos animou a pedir a organización na nosa Universidade, dado que contábamos coa experiencia moi positiva de ter organizado varias edicións da fase galega da Olimpíada”, destaca o decano de Bioloxía, Jesús M. Míguez.

A finalidade destas actividades é estimular entre o alumnado de ensino medio o interese e o coñecemento desta disciplina ao tempo que se premia e recoñece aos mellores estudantes de toda España. Ademais, a celebración das probas permite un intercambio persoal e académico tanto entre estudantes como entre docentes de todo o país. Explica o decano de Bioloxía que neste tipo de eventos “debemos ter claro que participan estudantes que están entre os mellores dás súas CCAA, é dicir, que se actúa de xeito moi directo sobre aqueles que xa teñen demostrado un interese especial pola ciencia en xeral e a bioloxía en particular, cunha boa formación e moito talento potencialmente dirixible cara o noso ámbito de coñecemento”. Polo tanto, considera que esta é unha actividade relevante para “animar a eses rapaces a desenvolver as súas capacidades na bioloxía”, pero lembra que tamén serve como “escaparate do centro para atraer a outros estudantes da nosa contorna, facerlles ver as posibilidades das nosas titulacións, e tamén as potencialidades que ten a Universidade de Vigo nos estudos do ámbito científico”.

A fase internacional será en Vietnam e Brasil acollerá a Iberoamericana

O centro vigués conta coa experiencia previa de ter organizado varias edicións da fase galega da Olimpíada de Bioloxía, que vai rotando polas tres facultades de Galicia. Os catro estudantes que acaden os mellores resultados en Vigo representarán a España na fase internacional en Hanoi (Vietnam) entre o 17 e o 24 de xullo. Os seguintes catro clasificados competirán na Fase lberoamericana que se celebrará en Brasil na segunda semana do mes de setembro. Lembra Míguez que dende a organización nacional “estase a traballar arreo para conseguir apoios económicos que faciliten a asistencia a estes eventos dos gañadores da presente edición”.

Na competición nacional Galicia estará representada por Marta Míguez Bello, do IES Os Rosais II, de Vigo; Roberto Rilo Antelo, do IES Monelos, de A Coruña e Tania Penas Iglesias, do IES Pontepedriña, de Santiago de Compostela. Elas e el, xunto cos seus compañeiros das outras comunidades, mediranse por un oco nas fases internacionais nas que buscarán reeditar fitos como os ouros acadados na Olimpíada Iberoamericana de Bioloxía en 2015 e 2014 ou prata acadada en 2013 na Olimpíada Internacional de Bioloxía así como varios bronces e mencións de honra nas dúas competicións internacionais nos últimos anos. Ademais, cada ano preto de 30 finalistas da fase nacional realizan estancias dunha semana de duración en diferentes centros do CSIC para ampliar a súa formación biolóxica e científica.

Na organización do evento está a Facultade de Bioloxía, o Colexio Oficial de Biológos de Galicia e os representantes da Olimpíada para Galicia. Xuntos traballan para obxectivos comúns, que Míguez resume en “que os estudantes que participan poidan realizar as probas do mellor xeito posible, e que tanto eles como os profesores-titores que os acompañan se sintan ben acollidos na nosa Universidade e na nosa cidade; é un traballo que estamos a facer con moita ilusión”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.