Xoves 28 Marzo 2024

O temporal destroza a Estación das Ciencias Mariñas de Toralla

O temporal da pasada fin de semana puido coas cristaleiras blindadas da Estación dás Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), da Universidade de Vigo. Non só iso. A porta de seguridade rachou e a auga inundou as instalacións. O edificio quedou sen subministración eléctrica e sen bombeo da auga do mar, unha condición indispensable para as investigacións. Moitos dos equipos da planta baixa, incluídos conxeladores e tanques, resultaron danados. “Nun primeiro balance de danos o que si podemos afirmar é que os danos son importantes”, recoñeceu o director do centro, Ricardo Beiras.

Os principais danos producíronse a madrugada do sábado, cando as ondas bateron con tal forza as instalacións que derrubaron portas e ventás. Cederon as cristaleiras da planta baixa do edificio central e a porta de seguridade das salas. Malia producirse en vacacións, a rápida intervención do persoal do Ecimat que permanece de garda durante os fins de semana permitiu minimizar os danos.

Publicidade

O vento non batía con forza, pero a combinación do forte mar de fondo con mareas vivas multiplicou o ataque do temporal. “En cuestión de horas puxéronse uns paneis de urxencia para evitar que seguise entrando auga no edificio e restableceuse tamén o subministro de electricidade”, explicou Beiras, que destacou o importante papel que xogou “unha vez máis” o persoal de garda que se mantén no centro durante as fins de semana. “O feito de contar con este persoal permitiu reaccionar de xeito moi rápido, restablecendo en canto se puido o bombeo de auga de mar, algo básico para evitar danos nas investigacións”, indicou o responsable do centro al Diario da Universidade de Vigo (Duvi).

[wzslider autoplay=”true” interval=”5000″ height=”600″ lightbox=”true”]

“Os danos son importantes”, admite Ricardo Beiras, director da Ecimat

Ademais dos danos de carácter estrutural, o temporal danou tamén moitos dos equipos que estaban na planta baixa, incluídos conxeladores e diversos tanques. “A Unidade Técnica está a colaborar con nós na redacción dun informe de valoración de danos, pero nun primeiro balance de desperfectos o que si podemos afirmar é que os danos son importantes”, recalcou Beiras.

A forza das ondas foi tal que rompeu a cristaleira de cristal blindado de dobre capa da fachada e mesmo, xa no interior, rebentou a porta dunha das salas, a cámara isotérmica da Ecimat. Afortunadamente, ao producirse durante as vacacións de Nadal apenas había actividade investigadora no centro pois a maior parte dos grupos de traballo, paralizan, na medida do posible, as investigacións nestas datas. De todas maneiras, a rápida resposta do equipo de garda e a inmediata colaboración do equipo da Unidade Técnica “facilitou que o corte de luz se reducira a unhas poucas horas ”, subliña Ricardo Beiras, que explicou que isto foi “básico” de cara a minimizar posibles consecuencias nos experimentos que quedaron en marcha, traballos relacionados sobre todo con cuestións de xenética de moluscos, onde é importante manter a temperatura constante e non perder o bombeo de auga de mar. “Os danos minimizáronse no que se puido e agora serán os responsables destas investigacións os encargados de valorar se esas horas sen luz afectaron ou non á experimentación”.

As investigacións máis afectadas son as relacionadas coa xenética de moluscos

 “Por sorte foi de madrugada”, subliña Ricardo Beiras, que apunta que en condicións climatolóxicas similares haberá que evacuar o edificio “por evidentes razóns de seguridade”. Tras os arranxos “máis urxentes” de substitución de cristais rotos por chapas provisionais que impediron que seguise entrando auga, a dirección da Ecimat admite que os traballos de reconstrución levarán varios meses xa que se vai levar a cabo un cambio estrutural en toda a parte baixa do edificio central, un traballo para o que se contará coa colaboración do persoal da Unidade Técnica e tamén de Xosé Rodríguez, o arquitecto que deseñou o edificio.

De cara a estas futuras actuacións estudan a realización de cambios na planta baixa do edificio, que se sumarán aos que xa se realizaron tras os fortes danos que ocasionou na Ecimat o temporal de febreiro de 2011. “Daquela realizáronse algúns cambios pero seguen quedando cousas que temos que modificar”, recalcou Beiras, que lembrou que tras aqueles danos xa se substituíron as cristaleiras exteriores dos cinco módulos que se suman ao edificio central da Ecimat por parede de obra “e agora pensamos que a solución pasa por facer a mesma obra na parte central do edificio, pois é o único xeito de quedar máis defendidos ante os temporais”.

Outras actuacións que están en estudo é a posibilidade de colocar unha estación de bombeo de achique de cara a evitar que cando chove de forma moi intensa a auga que entra no recinto quede empozada. “Este semella un problema menor, pero non o é, xa que cada vez que chove forte todo se converte nunha gran poza e auga pode alcanzar unha altura de ata medio metro, o que provoca que haxa que retirar os vehículos estacionados e desapareza o aparcadoiro”.

Doutra banda dende a dirección do centro, destacaron tamén o “bo resultado” da malla de formigón que se colocou na escollera e que evitou que nesta ocasión volvesen producirse desprendementos e proxección de pedras “como acontecera na anterior ocasión”.

2 COMENTÁRIOS

  1. Veño de recibir este vídeo publicitario do ECIMAT
    http://tv.uvigo.es/video/94463.html

    E sinceiramente gustaríame saber a que responde tanto empeño en seguir mantendo este centro de investigacións nunha illa PRIVADA cando a cidadanía de Vigo leva lustros reclamando o acceso público á Illa de Toralla… ?

  2. En casa do ferreiro, coitelo de pau…

    Parece claro que o emprazamento deste edificio na illa de Toralla foi e seguirá sendo un erro e sendo biólogos e científicos os que levan adiante este proxecto non se comprende como pensan deter o mar ?

    O niveis dos oceanos seguirán subindo (quecemento global) e algúns consideran a súa actuación un éxito? Semella o mesmo erro da central nuclear de Fukushima, pensan que poden seguir “mirando para outro lado” cando coñecemos datos obxectivos que aconsellan RETIRARSE do litorial.

    Amén do estraño acordo que o Ecimat ten coa comunidade de “propietarios da illa de Toralla” polo que seguen a dar cobertura legal á Privatización do Litoral…

    Non ten sentido seguir poñendolle portas ao Mar !
    Nin vixiantes xurados na barreira de acceso a unha illa que debera ser pública !!!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro
00:01:29

A imaxe desoladora do marisco morto en Noia e Rianxo: a borrasca Domingos arrasa toneladas de bivalvo

As praias de Testal e A Torre protagonizan outro episodio de mortandade nun contexto de caída en picado da produción