Portadabuenacaptura-gciencia-2

GCiencia renóvase polo seu segundo aniversario

O portal da ciencia galega estrea un deseño máis atractivo, actualiza contidos e súmase o dominio .gal

No mes de novembro, cando Galicia celebra a súa Semana da Ciencia, GCiencia alcanza o seu segundo aniversario. Este mércores, día 25, cúmprense dous anos desde que un equipo de profesionais dirixido por Eduardo Rolland e Pablo López puxese en marcha o primeiro portal da ciencia galega. Aquela aventura aparece hoxe consolidada no panorama mediático dixital galego, e afronta o seu terceiro ano de existencia coas mellores expectativas.

Con ocasión deste segundo aniversario, desde este luns GCiencia actualiza a súa imaxe, crea novos contidos e súmase ao dominio .gal. Un deseño máis atractivo, claro e actual, no que priman os elementos visuais, é a principal característica do novo aspecto da web, que potencia a versatilidade e consolídase como site responsive ao poñer o foco nos dispositivos móbiles, que supoñen xa o 55% do seu tráfico. Ao mesmo tempo, gciencia.com deixa de ser o seu dominio exclusivo para incorporar o .gal, en consonancia coa esencia dun medio de comunicación que aposta de forma totalmente decidida polo idioma galego nos seus contidos.

Unha das principais novidades de GCiencia consiste na creación dunha portada dentro da home principal, na que se resumen de forma rápida os principais contidos achegados por GCiencia nas últimas horas e que se desenvolven nas súas distintas seccións. O deseño, creado por Afonso Nogueira, busca unha maior horizontalidad, para priorizar a experiencia do lector sobre os deseños pensados para formatos publicitarios. O novo modelo supón a desaparición do slider de portada (a sucesión dinámica de noticias pola pantalla) que acompañou á web desde a súa fundación, para ir a un sistema máis funcional baseado na xerarquización das noticias.

captura-control-gA cabeceira de GCiencia -unha publicación de Ciencia Galega Industrias Creativas S.L.– tamén se actualiza, para subliñar o seu carácter de portal da ciencia galega. E os contidos sofren modificacións, entre as que destacan dúas grandes seccións de nova creación. Unha delas é Control G, unha versión ampliada e completamente renovada de Tecno, que formaba parte da anterior oferta de GCiencia. O novo site especializado, creado en colaboración con Abanca, é consecuencia da crecente demanda de contidos relacionados con Internet, dispositivos móbiles, TICs, videoxogos, gadgets e redes sociais, que diariamente adoitan situarse entre os máis visitados da revista dixital.

A celebración do aniversario prolongarase ata o día 30, coa entrega dos Galicia Spin-off

Control G nutrirase de informacións, reportaxes e entrevistas relacionados cun campo de crecente importancia para a economía de Galicia. So a área da alta tecnoloxía supón o 2,2% do emprego total do conxunto da actividade económica da comunidade autónoma, e conta con axentes de tanta relevancia como o Clúster das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), un hipersector con 3.159 empresas, máis de 20.000 empregos e un investimento anual de 606 millóns de euros.

A outra gran sección de nova creación é Empresa, que se dedicará á economía do coñecemento, ao abordar de forma global todas aquelas cuestións sobre ciencia e tecnoloxía que se penetren no terreo económico. En colaboración co Pastor, GCiencia puxo en marcha en abril deste ano o microsite Galicia Spin-off, dedicado ás empresas xurdidas no ámbito das universidades, unha iniciativa que se complementa cos premios Galicia Spin-off, que se entregan o 30 de novembro. Esa sección e Industria pasan agora a integrarse en Empresas, para ampliar o abano da súa oferta informativa e afrontar así a ciencia e a tecnoloxía como pancas económicas. Os contidos de Control G e Empresas, dúas seccións claramente diferenciadas do resto de GCiencia, serán elaborados polo equipo de xornalistas que colaboran habitualmente co portal da ciencia galega, todos eles especializados.

captura-empresaO vídeo cobra unha especial relevancia na nova web, con contidos audiovisuais tanto na sección Ciencia en Vivo como en Videonautas, unha selección dos mellores vídeos relacionados coa ciencia que circulan pola web. A fotografía, mentres, terá especial atención en Fotonautas e en A NASA en galego, un formato que recolle en exclusiva e con texto traducido ao galego a foto A Picture of the Day (APOD), que difunde diariamente a axencia espacial estadounidense.

A pesar da especialización dos seus contidos, GCiencia consolidouse nos seus dous anos de existencia como un dos medios de comunicación máis puxantes na internet, con máis de 100.000 visitas mensuais que o sitúan por diante mesmo das versións dixitais de xornais de gran tradición en Galicia. Ademais da súa actividade informativa, GCiencia organiza outras actividades como os Galicia Spin-off ou como o premio universitario Contar a Ciencia de comunicación científica, que convida os estudantes a narrar con técnicas xornalísticas a investigación que se desenvolve nas propias universidades galegas, e que este 2015 celebrou a súa segunda edición.

O portal da ciencia galega conta co aval da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), do Ministerio de Economía y Competitividad, coa que colabora en distintas seccións. Entre elas, a serie de reportaxes Innovar para Emprender (I+E), dedicada á innovación no sector empresarial, e Ciencia en Vivo, con audiovisuais de produción propia. Só outros tres medios de comunicación (El País, a Agencia Efe e CRTVG) lograron participar no programa de fomento da cultura científica e tecnolóxica da FECYT, a maior convocatoria de España para este tipo de actividades.

A celebración do segundo aniversario prolongarase durante os vindeiros oito días, nos que GCiencia publicará diversos contidos especiais e tribunas de opinión de destacados científicos galegos -con especial atención ás valoracións sobre a divulgación en Galicia e en galego-, para culminar o vindeiro luns coa entrega dos Premios Galicia Spin-off. O  acto terá lugar na sede da Fundación Barrié na Coruña e contará coa participación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e do presidente do Banco Pastor, José María Arias.

Unha resposta a “GCiencia renóvase polo seu segundo aniversario”

  1. Marisa Castiñeira

    Parabéns !
    Levo dous anos, informándome e disfrutando con esta páxina de ciencia é tecnoloxía, rigurosa, de actualidade e moi divulgativa.
    Con ela aprendo e mantéñome ao día da Ciencia en Galicia e no mundo. Son profesora de secundaria e bacharelato, polo que a aproveito moito.
    O novo diseño gústame, “moderno” (sempre gustoume máis esta palabra que innovador) como nos tedes afeitos.
    Moitas grazas e que a Ciencia os acompañe!

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.