Xoves 25 Abril 2024

Olimpia Valencia, a primeira galega licenciada en Medicina

Captura de pantalla 2018-03-02 12.56.41

Non ten pasado aínda un século dende que a primeira muller galega en licenciarse en Medicina. Foi en 1925 cando a ourensá afincada en Vigo Olimpia Valencia acadou este grao académico. E exerceu na cidade olívica durante décadas, sendo a primeira médica con consulta propia.

Olimpia Valencia na súa consulta. Foto: Consello da Cultura Galega.
Olimpia Valencia na súa consulta. Foto: CCG.

Para logralo, tivo que vencer ao absoluto machismo dominante durante a ditadura franquista. E, tamén, vencer a marca social de ter defendido o Estatuto de Galicia durante a República, ao punto de que foi detida e pasou unha tempada na cadea ao comezo da Guerra Civil, acusada de militar no Partido Galeguista.

Publicidade

A doutora Valencia impúxose a todas as adversidades para converterse nunha pioneira. Que loitou contra as adversidades, tanto pola súa marxinación como muller como por ser considerada “roja”, un dobre revés durante a ditadura.

Olimpia Valencia naceu en Baltar, en Ourense, o 14 de decembro de 1898. Pero con 12 anos vai vivir a Vigo cos seus pais. Na antiga Academia Minerva, preparou por libre o Bacharelato e cursou Maxisterio. Ata que decidiu seguir a súa verdadeira vocación: a Medicina. En 1919, Valencia ingresa na Facultade de Medicina de Santiago. Seis anos despois, en 1925, convértese na primeira muller galega que logra a licenciatura en Medicina, cun expediente académico brillante, que inclúe 19 matrículas de honra e premio extraordinario.

Valencia pasou uns días presa tras o golpe do 36, baixo a acusación de ser republicana

A muller segue a ser unha rareza na universidade nesa época. E, cando Olimpia Valencia suxire que desexa especializarse en enfermidades do pneumotórax, recibe presións para que desista. Estaba mal visto que as mulleres médicas puidesen tratar ós homes. Así que a súa saída natural (aínda que hoxe soe triste e ridículo) era a xinecoloxía, o que lle garantiría tratar sempre con pacientes do seu propio sexo.

Olimpia Valencia trasládase a Madrid á Residencia de Señoritas, versión feminina da Residencia de Estudantes onde estaban neses anos Dalí, Buñuel ou Lorca. Coa súa brillantez intelectual, le a súa tese e convértese na primeira galega na historia que alcanza o título de doutora.

Olimpia Valencia.
Olimpia Valencia.

De volta en Vigo, abriu clínica no centro da cidade. A súa placa de xinecóloga na rúa tivo que vencer moitos prexuízos. Da intelectualidade de Madrid, vivida no ambiente cultural da Residencia de Estudantes, pasou aos círculos culturais vigueses sen problemas. E relacionouse coas figuras do galeguismo da época. Así, en xuño de 1931, aceptou encabezar un chamamento de apoio aos candidatos da provincia de Pontevedra polo Partido Galeguista.

Tras o golpe de Franco, en febreiro de 1937 é detida e pasa catro días no cuartel da Garda Civil. Se unha muller o tiña difícil neses anos, a súa consideración de ‘roja’ debeu de poñer a Olimpia Valencia nunha situación difícil.

Olimpia Valencia tivo unha longa carreira como xinecóloga. Xubilouse nos anos 60. Ademais, foi unha das fundadoras da Alianza Francesa en Vigo. Morreu no ano 1987. Hoxe unha rúa viguesa leva o seu nome. E leva o seu nome o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da Universidade de Vigo. Non teñen pasado nin cen anos desde que esta médica se converteu na primeira muller galega tanto en licenciarse en Medicina como en obter un doutorado.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

O Simposio Nacional de Oncoloxía de Precisión insta ao impulso da terapia en Galicia

O evento acolle en Vigo a máis de 40 expertos os días 22 e 23 de febreiro

Traballar con cadáveres na ciencia: así funcionan as doazóns en Galicia

Os expertos piden un marco legal específico na materia despois de que saltasen as alarmas pola trama de tráfico ilegal de corpos en Valencia

A UVigo bate récords na captación de fondos nacionais coa consecución de 5,5 millóns de euros para 40 proxectos

A metade dos traballos están vinculados os investigadores dos centros CIM, CINBIO, atlanTTic, Cintecx e Ecobas