Elisa e Jimena Fernández de la Vega, xunto ás fillas da primeira.
Elisa e Jimena Fernández de la Vega, xunto ás fillas da primeira.

Jimena e Elisa Fernández de la Vega, as xemelgas pioneiras na Medicina en Galicia

Muller banner

O 30 de maio de 1895 naceron na Veiga (hoxe Vegadeo, en Asturias) as xemelgas Elisa Fernanda María del Carmen e Jimena María Francisca Emilia Fernández de la Vega Lombán. A maior, Elisa, naceu 15 minutos antes ca Elena. Fillas de Wenceslao Fernández de la Vega Pasarín, un médico liberal de Castroverde (Lugo) especializado en hidroloxía e que pertencía a Institución Libre de Enseñanza, e de Dolores Lombán Cotarelo.

Ambas estudaron o bacharelato en Lugo, onde se graduaron con sobresaliente o 23 de xuño de 1913. No curso seguinte comezaron os estudos de Medicina en Santiago. En 1919, ambas licenciáronse. Ao poder outorgarse só un premio extraordinario, recibiuno Jimena, aínda que ambas eran merecedoras del, segundo conta Xoana Pintos. Convertíanse así nas primeiras licenciadas en Medicina en Galicia. Anos antes, en 1901, Manuela Barreiro fora a primeira licenciada da universidade compostelá; no seu caso, en Farmacia.

Iniciáronse na investigación no laboratorio de Nóvoa Santos. O seu bo desempeño valeulles, con menos de 30 anos, o recoñecemento coa Gran Cruz de Alfonso XII por méritos académicos. Ao rematar a carreira en Santiago, trasladáronse a Madrid para desenvolver a súa tese de doutoramento. É nesta etapa cando as súas carreiras comezan a enfocarse cara distintas disciplinas.

Elisa Fernández de la Vega Lombán

En 1921, Elisa presenta a súa tese, dirixida polo catedrático Teófilo Hernando, titulada Asma anafiláctico alimenticio y consideraciones acerca de la patogenia del asma en general. Con Hernando realiza diversos traballos de investigación. Acaba especializándose en pediatría da man do catedrático Enrique Suñer.

Gumersindo Sánchez e Elisa Fernández de la Vega, xunto a dous dos seus fillos.
Gumersindo Sánchez e Elisa Fernández de la Vega, xunto a dous dos seus fillos.

Quere afondar nos estudos de Fisioloxía da nutrición e do aparello dixestivo na infancia, polo que solicita unha bolsa, que lle é concedida, para continuar a súa formación en Berlín durante un ano. Non en tanto, decide renunciar a ela cando casa con Gumersindo Sánchez Guisande, catedrático de Anatomía e antigo compañeiro de facultade de Elisa. Gumersindo era un dos compañeiros que defendían a Elisa e Jimena dos improperios e discriminación que recibían dunha boa parte dos alumnos. Queda en Madrid, onde continúa investigando na Facultade de Medicina. Desenvolve unha intensa actividade: traballa no Hospital del Niño Jesús, imparte conferencias, escribe artigos e prepara manuais para as enfermeiras.

En 1922 múdase a Sevilla xa que o seu marido obtén unha praza na capital andaluza. Máis tarde, en 1928, desprázase a Zaragoza, de novo pola actividade laboral de Gumersindo, que se convertiría en decano da Facultade de Medicina. Elisa traballaría en clases prácticas de Embrioloxía, ao tempo que continúa impartindo decenas de conferencias científicas en universidades de toda España e coida aos seus tres fillos, Luciano, Wenceslao e Elisa.

En 1932 asina oposicións para presentarse ás cátedras de Medicina Legal das universidades de Santiago e Salamanca. Ía ser, deste xeito, a primeira catedrática de España. Houbo que agardar vinte anos máis, ata 1953, para que unha muller (Ángeles Galino) conseguise este fito. Pero unha pneumonía, que ela mesma se diagnosticou, impediullo. Con só 38 anos, morre en Zaragoza o 21 de novembro de 1933.

Elisa aspiraba a ser a primeira catedrática de España, pero a enfermidade impediullo

En outubro de 1936, o seu marido, membro de Izquierda Republicana, ten que exiliarse a Buenos Aires debido ao golpe de Estado, e Jimena ten que facerse cargo dos tres nenos. Gumersindo pasou doce anos sen ver aos seus fillos, ata que se trasladaron con el a Arxentina. No exilio, Gumersindo forma parte do movemento galeguista e republicano xunto a Castelao ou Luís Seoane. Atendeu ao político de Rianxo nos seus últimos días e embalsamou o seu corpo. Morreu en 1976 en Buenos Aires.

Jimena Fernández de la Vega Lombán

Un ano despois da súa irmá, Jimena presenta en 1922 a súa tese de doutoramento: Estudio de la vagotonía infantil por medio del examen hematológico. Do mesmo xeito que Elisa, accede a unha bolsa dun ano, cunha prórroga doutro máis, para estudar Xenética Experimental no estranxeiro. Pero a diferenza da súa irmá, Jimena fai uso da bolsa e amplía a súa formación en Alemaña, Austria e Suíza durante longas temporadas en varias etapas. Traballa tamén na capital de España con Nóvoa Santos, o seu mestre en Santiago, que se desprazou a Madrid en 1928.

En 1930 realizou unha das súas grandes achegas. Traduciu ao castelán a obra de Julius Bauer Herencia y constitución; un libro que serviría, segundo explica Xoana Pintos, para introducir aos médicos españois nos coñecementos da xenética mendeliana. No 1932 ponse á fronte do Seminario de Xenética, e nestes anos consegue tamén que o propio Julius Bauer viaxe ata Madrid xunto a Hermann Poll para impartir varias conferencias. É nesta viaxe cando Poll convence ao fisiólogo Augusto Pi i Suñer para crear un laboratorio de Xenética Humana en Madrid. No 1933, o laboratorio bota a andar, e a súa directora é Jimena Fernández de la Vega. E en 1934 obtén unha nova bolsa da JAE para estudar en Berlín.

Retrato de Jimena Fernández de la Vega.
Retrato de Jimena Fernández de la Vega.

Desde a súa chegada a Madrid, Jimena colaborou con Gregorio Marañón e Gustavo Pittaluga. En 1935, ao publicar La herencia fisiopatológica en la especie humana, Marañón louva a figura de Jimena no prólogo do libro: “É aguda, intelixente e pouco dada a levarse por arrebatos imaxinativos. Cualidades todas excepcionais para o cultivo da ciencia”.

Porén, a Guerra Civil lastrou de forma definitiva a súa carreira. Tras o golpe de Estado, Jimena deixa Madrid e vaise a Sotillo de la Adrada, en Ávila, onde permanece ata outubro. Máis tarde presentouse en Burgos ante o principal responsable da depuración do profesorado, o catedrático Enrique Suñer, que fora mestre da súa irmá Elisa. Despois duns meses, Jimena volve a Galicia. Primeiro a Vilagarcía, e despois a Santiago, onde se ten que facer cargo dos seus tres sobriños, orfos de nai e co pai exiliado en Arxentina. Durante o resto da guerra traballa no Hospital Militar de San Caetano.

En 1945, xa con 55 anos, Jimena oposita ao corpo de Baños, seguindo a tradición familiar. Comeza a traballar no balneario de Guitiriz para estar preto da súa nai, Dolores Lombán, xa anciá. Á morte dela, dirixe balnearios en Montemayor (Salamanca), Cestona (Guipúzcoa) e Lanjarón (Granada), onde se xubilaría.

Con todo, nunca deixou de lado a súa faceta investigadora. Continuou ligada á Facultade de Medicina de Madrid, onde seguiu dirixindo o Seminario de Xenética Humana. Publicou varios traballos máis, que suman un total de máis de trinta en toda a súa vida. En 1984 morre en Santiago de Compostela aos 89 anos.

20 anos despois, María Teresa Fernández de la Vega, filla de Wenceslao, irmán de Jimena e Elisa, converteuse na primeira muller vicepresidenta do Goberno español. Hoxe, as irmáns Fernández de la Vega Lombán teñen unha rúa en Vegadeo, a súa vila natal, e a sede do Vicerreitorado de Estudantes da USC, na rúa Casas Reais, tamén leva o seu nome.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.