Xoves 25 Abril 2024

Ángeles Alvariño, pioneira da Oceanografía

Captura de pantalla 2018-03-02 12.56.41

É unha das científicas máis importantes da historia de Galicia. A súa carreira investigadora comezou en Vigo, pero a desenvolveu logo nos Estados Unidos, con estudos de fonda repercusión.

Ángeles Alvariño faleceu en La Jolla (California) no 2005.
Ángeles Alvariño faleceu en La Jolla (California) no 2005.

Aínda que faleceu no ano 2005, Ángeles Alvariño segue a navegar. Porque aínda da nome a un buque oceanográfico, como tantos nos que se embarcou ao longo da súa carreira. Oceanógrafa, profesora e mesmo escritora, deixou fonda pegada polos seus traballos. Nada en Serantes (Ferrol) en 1916, xa desde cativa tiña inquietudes intelectuais. Rematou o bacharelato coas súas disertacións: “Insectos Sociales” e “Las mujeres en El Quijote”. En 1934, comeza a carreira de Ciencias Naturais en Madrid. E, tras o paréntese da Guerra Civil, licénciase, imparte clases e remata o doutorado. En 1950, obtén praza no Instituto Español de Oceanografía en Vigo.

Publicidade

Tres anos máis tarde, en 1953 obtén o “pasaporte” cara ó prestixio internacional: recibe unha bolsa do British Council para investigar en Plymouth (Inglaterra) e comeza a participar en expedicións científicas polo Atlántico e o Pacífico en buques oceanográficos de EEUU, España, Reino Unido e México. No ano 1956, pasou a investigar no Instituto Oceanográfico Woods Hole en Massachusetts. Máis tarde, no Instituto Scripps de Oceanografía, en La Jolla (California); e tamén no Servizo Nacional de Pesca Marítima dos EEUU.

Atopou 22 novas especies

Ó longo da súa carreira, Alvariño descubriu doce novas especies de quetognatos e nove de sifonóforos. Os uns e os outros, cos seus nomes raros, son minúsculos depredadores que forman parte do plancton. Tamén describiu unha nova especie de medusa. En total, Ángeles Alvariño atopou 22 novas especies para a ciencia.

Foi membro da San Diego Society of Natural History, así como da Biological Society of Washington e da Asociación Hispanoamericana de Investigadores en Ciencias Mariñas. Ademais do seu labor como investigadora, Alvariño tamén dedicou moito tempo a educar aos futuros biólogos mariños, impartindo clases na Universidade Nacional Autónoma de México en 1976, na San Diego State University de 1979 a 1982 e, despois, na Universidade de San Diego, de 1982 a 1985.

Foi tamén profesora visitante na Universidade Federal de Paraná, en Brasil en 1982 e no Instituto Politécnico Nacional de México, desde 1982 a 1986. Xubilada oficialmente en 1987, Alvariño dedicou os últimos anos da súa vida á historia da ciencia. Retomaba así o seu gusto, que viña de cativa, pola lectura e a escritura. Levou a cabo unha intensa investigación sobre a Expedición Malespina, a primeira científica oceánica, que viaxou polo Atlántico e o Pacífico, de 1789 a 1794. Ángeles Alvariño faleceu en 2005 en La Jolla, en California. Desde febreiro de 2012, un buque oceanográfico do Instituto Español de Oceanografía leva o seu nome.

Ángeles Alvariño da nome a un buque oceanográfico do IEO.
Ángeles Alvariño da nome a un buque oceanográfico do IEO.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea