Produtos agrícolas con lindano comercializados hai décadas.

Produtos agrícolas con lindano comercializados hai décadas.

A Xunta lidera un proxecto científico para tratar a contaminación por lindano

Medio Ambiente acaba de presentar á convocatoria 'Life' unha iniciativa na que tamén participan USC, CSIC e Confederación Hidrográfica Miño-Sil

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio anunciou esta semana a presentación dunha candidatura á convocatoria de axudas Life da Unión Europea para mapear e tratar mediante fitorremediación os solos periurbanos contaminados por residuos de lindano, un composto canceríxeno que en Galicia se detectou en solos do municipio do Porriño. No proxecto toman parte tamén a Universidade de Santiago de Compostela, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que achegarán medios propios á iniciativa.

Mediante fitorremediación, o proxecto busca degradar esta substancia contaminante

A fitorremediación consiste no emprego de plantas e dos seus microorganismos asociados para a mellora funcional e a recuperación de solos contaminados. Este método baséase nos procesos naturais mediante os cales as plantas e a microbiota asociada ás súas raíces degradan ou secuestran os contaminantes. Segundo subliña a consellería, é unha técnica “beneficiosa para o medio ambiente a través do cultivo de plantas e ao mesmo tempo, é un método efectivo de recuperación da calidade do solo que pode resultar ata 3 veces máis económico que as accións de remediación clásicas e máis tradicionais (encapsulamento e traslado do residuo)”

Con esta idea, que leva o título de OffLindane, a Xunta ten por obxectivo acadar a “fitorremediación dos solos afectados por lindano, como medio para minimizar a medio prazo a presencia deste residuo tanto na terra como no medio hídrico, co fin de mellorar a calidade deses solos contaminados”. Ademais preténdese realizar “un mapeo exhaustivo da localización de residuos de lindano naqueles puntos nos que se ten localizado a presenza desta substancia“.O importe total do proxecto ascende a case 2 millóns de euros (1.976.020 euros) e conta cun prazo de execución de 5 anos.

Despois da toma de mostraxes, ensaiaranse solucións de fitorremediación en solos nos que se detectara a presencia desta substancia co fin de buscar a súa restauración ecolóxica, de forma que se evite o selado dos mesmos e se garanta a súa sustentabilidade funcional.

O problema do lindano

O lindano fabricouse durante 30 anos na planta que a empresa Zeltia tiña no Porriño. Porén, co tempo descubriuse que este composto era tóxico, e que os seus residuos tamén o eran. A OMS confirmou no ano 2015 que é carcinóxeno. No tempo no que se fabricou lindano no Porriño, xeráronse máis de 700 toneladas de residuos, que foron vertidos en terreos deste municipio, e mesmo empregados para facer camiños, pistas e estradas, na crenza de que se trataba dun produto inerte. Análises realizadas en zonas do río Louro confirmaron que os niveis da substancia multiplicaban por 10 os máximos permitidos.

O lindano é o nome comercial dun organoclorado de fórmula xenérica C6H6Cl6, en concreto o isómero gamma-1,2,3,4,5,6-hexaclorocicloexano. Foi empregado como insecticida en agricultura e para loitar contra os parasitos na gandería. Nos humanos, era o compoñente das locións antipiollos e das cremas contra a sarna.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.