O mexillón de río, a pita do monte, o caranguexo de río e o oso pardo son catro das especies en perigo de extinció incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas que non contan con plans de recuperación.

O mexillón de río, a pita do monte, o caranguexo de río e o oso pardo son catro das especies en perigo de extinció incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas que non contan con plans de recuperación.

A Xunta tardaría 1.782 anos, ao ritmo actual, en protexer todas as especies ameazadas de Galicia

Desde 2007, das 74 especies en perigo de extinción e as 126 vulnerables, só 3 teñen aprobado os seus plans de conservación ou recuperación

Hai case once anos, o 19 de maio de 2007, o Diario Oficial de Galicia publicaba o decreto que regulaba o Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Unha lista de 193 especies (ás que en 2011 se engadirían sete máis) que estaban en perigo de extinción ou nunha situación vulnerable no noso territorio. Ademais da enumeración das especies catalogadas, o decreto indicaba que cada especie debería contar con cadanseus plans de recuperación – no caso de que estuveran en perigo de extinción – ou de conservación, no caso das ameazadas.

Máis de 3.500 días despois, só tres das 200 especies (o 1,5%) contan cos preceptivos plans. Dous deles de recuperación; un dunha ave (escribenta das canaveiras) e outro dun réptil (o sapoconcho común) e un de conservación (píllara das dunas). Os tres aprobáronse entre 2013 e 2014. Neses anos tamén estivo sobre a mesa o borrador do plan de recuperación do oso pardo, pero aínda segue sen aprobar, gardado nun caixón.

Así, a este mesmo ritmo, serían precisos 1.782 anos, case 18 séculos, para desenvolver os plans conservación e recuperación de todas as especies. “É un incumprimento detrás de outro”, lamenta Serafín González, científico do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural. González lembra que “na época do bipartito na Xunta xa había 22 documentos entregados con cadanseu plan de conservación, contratados e pagados”, listos para aprobar. Hoxe en día habería que volver a redactalos, “porque moitos están xa desactualizados“.

45 plans antes de 2020?

Hai un ano, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, anunciou o inicio da tramitación da nova Lei de Patrimonio Natural. Naquela comparecencia, Feijoo afirmou que o obxectivo da Xunta era que antes do 2020, 45 especies en situación vulnerable ou en perigo de extinción contasen co seu plan de recuperación. Desde entón, ningún novo plan entrou en vigor, aínda que a Xunta encargou xa estudos a varios grupos de investigación para desenvolver algúns destes plans, segundo puido saber GCiencia.

Ante esta situación, Serafín González confía na boa vontade da Xunta. “Oxalá fose así“, desexa. Con todo, recoñece que o ritmo, aínda así, non sería demasiado elevado. “Daríanos un promedio de 45 especies en 13 anos, polo que, facendo cálculos, farían falta 44 anos para cumprir co decreto de 2007″, sentenza.

O decreto contempla tamén a posibilidade de desenvolver plans integrais “naqueles supostos en que dúas ou máis especies ameazadas coexistan nun mesmo tipo de hábitat e requiran a adopción de medidas análogas de conservación ou protección ou ben existan razóns ecolóxicas que así o aconsellen”. Non en tanto, tampouco se impulsou ningún plan integral ata o de agora.

Incumprimento dos plans xa feitos

A isto hai que engadir, segundo o presidente da SGHN, os problemas co cumprimento dos plans xa feitos. “Non é só que non se fagan novos plans, senón que os tres que xa están feitos incúmprense de xeito reiterado; e nin hai orzamentos claros nin unha intervención decidida”. González denuncia, por exemplo, que desde a Dirección Xeral de Patrimonio Natural se autorizaron axotamentos de xabarís no carrizal de Dodro, unha das zonas clave para as crías de escribenta das canaveiras. A propia SGHN presentou tamén alegacións contra un proxecto para construír un embarcadoiro e unha praia fluvial na mesma zona.

No tocante ao sapoconcho, o científico sinala que nas Gándaras de Budiño, en Porriño, outra zona de importancia capital para unha especie en perigo de extinción, concedéronse permisos para extraer áridos e cubrir de terra e rochas nalgunhas das pozas onde vivía o sapoconcho.

Estas son algunhas das especies en perigo de extinción en Galicia sen plan de recuperación:

Mexillón de río (Margaritifera margaritifera)

Caranguexo de río (Austropotamobius pallipes

Pita do monte (Tetrao urogallus)

– Oso pardo (Ursus arctos)

3 respostas a “A Xunta tardaría 1.782 anos, ao ritmo actual, en protexer todas as especies ameazadas de Galicia”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.