Anuncio publicado por Turismo de Galicia en varios xornais.

Anuncio publicado por Turismo de Galicia en varios xornais.

A Xunta usa como reclamo turístico unha mina sen rexenerar

Turismo promociona Monte Neme, onde se produciu un desastre ambiental en 2014 e aínda non se fixeron os prometidos traballos de rexeneración

Hai agora tres anos e medio, unha das balsas da antiga canteira e mina de Monte Neme, entre Carballo e Malpica, rebentou e liberou máis de 24.000 toneladas de auga residual monte abaixo, despois de numerosas advertencias de medios de comunicación e autoridades locais debido ao estado de abandono que presentaba. Non houbo danos persoais, pero si abondosos destrozos.

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas, dependente da Consellería de Industria da Xunta, segue sen executar o plan de rexeneración deste lugar, que foi explotado como mina de wolframio e canteira. Nos últimos anos, o lugar converteuse nun lugar de peregrinación turística pola chamativa cor das balsas de residuos da antiga canteira.

Non en tanto, aínda coa perigosidade do entorno, con taludes sen protección, augas con altos niveis de acidez e aluminio e as instalacións en notable estado de abandono, a Axencia de Turismo da Xunta decidiu empregar unha imaxe dunha das balsas de residuos da antiga canteira para promocionar Galicia.

Algunhas persoas chegan a meterse na auga, con altos niveis de aluminio e acidez. Fonte: Instagram.

Algunhas persoas chegan a meterse na auga, con altos niveis de aluminio e acidez. Fonte: Instagram.

Centenares de persoas visitan o lugar para retratarse coas augas cor turquesa. E mesmo algunhas, como se ve na fotografía adxunta, métense na auga que, segundo informes de Augas de Galicia citados por Praza Pública, presentaban altos niveis de aluminio e un pH moi ácido.

Ante esta campaña de promoción, xurdiron numerosas voces críticas, como o catedrático Augusto Pérez Alberti (USC), asociacións ecoloxistas como Adega e colectivos como a Plataforma pola Defensa de Monte Neme, entidade que avoga pola recuperación do espazo e que vén denunciado o descontrol e o abandono existente no lugar.

ACTUALIZACIÓN (10-10-2017)

A Xunta retira o anuncio que usaba Monte Neme como reclamo turístico

Despois das críticas xurdidas a raíz da utilización desta imaxe, a axencia de turismo da Xunta de Galicia decidiu retirar a fotografía de todos os soportes. Recoñecen o “lamentable erro” e aluden a que “fallaron os filtros” na selección destas imaxes, escollidas pola axencia de publicidade encargada da campaña “Dáme Galicia”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.