O acivro xoga un papel fundamental nos ecosistemas de alta montaña en Galicia. Imaxe: Emilio del Prado - CC BY-SA 2.0.

O acivro xoga un papel fundamental nos ecosistemas de alta montaña en Galicia. Imaxe: Emilio del Prado - CC BY-SA 2.0.

A Xunta derroga a norma que protexía o acivro en Galicia

Os biólogos piden explicacións a Medio Ambiente mentres a consellería sostén que a protección xa non tiña efecto desde 1990

O pasado xoves, o Diario Oficial de Galicia publicou un decreto polo que quedaba regulado o Observatorio Galego de Educación ambiental. Na súa disposición derrogatoria, a Xunta deixaba sen efecto unha orde do ano 1984 que protexía ao acivro (Ilex aquifolium) en Galicia. Esta árbore, moi importante para a fauna nos ecosistemas de alta montaña de Galicia, quedaba así sen protección legal.

“O acivro foi unha das primeiras plantas protexidas en Galicia”, lembran os biólogos

Varias entidades ecoloxistas e colexios oficiais, como o dos biólogos galegos, cualificaron de “sorprendente” a decisión da Xunta. “O acivro é unha planta importantísima, entre outras cousas, para a fauna silvestre”, sinalan desde o Colexio Oficial de Biólogos, que aporta tamén estudos que demostran que esta planta “está ligada ao comportamento de alimentación e dieta no inverno, regulación térmica e refuxio ante os predadores”. Neste sentido, o colexio “pretende saber o estudo, informe ou memoria científica no que se baseou a administración autonómica para tomar este acordo”, apuntan. Solicitan, ademais, a inclusión do acivro no catálogo galego de especies ameazadas, tal e como xa pediu a Sociedade Galega de Historia Natural a pasada semana.

Mercedes Casal, do Colexio de Biólogos, lembra que “costou moito traballo no 1984 conseguir que fose unha especie protexida, e foi unha das primeiras que se protexiu en Galicia”.

Desde a SGHN cualifican de “despropósito” esta decisión. “Non foi informada polos órganos consultivos preceptivos”, “ignora que as formacións de acivro son un hábitat de interese na UE”, e que ademais “ten sufrido unha diminución do 10%  da súa superficie de distribución e ocupación nas últimas décadas”. Ademais, din, “a decisión non está apoiada por ningún tipo de argumento ou informe científico sobre o estado de conservación da especie e as consecuencias que a súa desprotección terá para outras especies protexidas, nomeadamente animais que se acubillan baixo eles no inverno e consomen os seus froitos”.

Desprotexido desde 1990

Pola súa parte, fontes da Consellería de Medio Ambiente explican que “a norma que se deroga – a de 1984 – ditouse en desenvolvemento do Real Decreto 3091/1982 sobre protección de especies ameazadas da flora silvestre. Este decreto quedou derogado no ano 1990 por outro que regulaba o Catálogo nacional de especies ameazadas, sen incluír ao acivro entre as especies suxeitas a unha protección especial”. Por tanto, desde este ano, o acivro xa non figuraba no catálogo nacional de especies ameazadas. Tampouco está incluído no catálogo galego, publicado en 2007.

Engaden desde Medio Ambiente que, “coa entrada en vigor do Real Decreto de 1990, a orde que desenvolvía o decreto anterior quedou igualmente sen efecto. Isto quere dicir que, na práctica, o acivro non goza dun réxime de protección especial e o que se fai agora é, unicamente, derogar de forma expresa a devandita orde aproveitando unha modificación dunha norma de carácter ambiental”, a que foi publicada no DOG o pasado xoves.

A Xunta explica que a protección do acivro estaba xa sen efecto desde 1990

Así, desde a Xunta xustifican a decisión na súa intención de “clarificar e outorgar seguridade xurídica ante unha situación que, de facto, xa se está aplicando tendo en conta que xurídicamente non existe tal amparo legal para esta especie”.

Con todo, deixan a porta aberta á declaración do acivro como especie ameazada. “A súa situación – conclúen – non é un obstáculo para calquera tipo de iniciativa que se poida impulsar para a súa posible incorporación no catálogo galego de especies ameazadas, proposta que deberá xustificarse e enmarcarse, como non pode ser doutro xeito, no procedemento establecido no Decreto 88/2007. De chegar o caso, a proposta será estudada no seo dos órganos aos que corresponda e tomarase unha decisión en virtude da información técnica dispoñible que poida ser aportada e avaliada”.

2 respostas a “A Xunta derroga a norma que protexía o acivro en Galicia”

  1. Anónimo

    Qué tristeza y bajeza mental
    Mezclar el medio ambiente con reales decretos y bla,bla
    Pero es normal a estos políticos que les importa
    Nada y repito Nada
    Ni el medio ambiente ni nosotros

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.