Imaxe da plataforma Larsen C tomada pola NASA. Este iceberg xigante recentemente desprendido da península Antártica, ten unha superficie maior que a provincia de Pontevedra.

Imaxe da plataforma Larsen C tomada pola NASA. Este iceberg xigante recentemente desprendido da península Antártica, ten unha superficie maior que a provincia de Pontevedra.

“O factor humano no cambio climático non é tan decisivo como se pensa”

O xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní apunta cara a sobreexplotación de recursos como o problema principal da intervención do ser humano no planeta

Os datos tamén poden enganar, mais no caso do cambio climático, as evidencias son bastante claras. En zonas como Galicia hai, cada vez con máis frecuencia, fenómenos extremos: longos períodos de seca, temperaturas extremadamente elevadas no aire e tamén na auga. Así, nos últimos tempos fomos coñecendo datos como que neste 2017 tivemos o maio máis cálido e o abril máis seco en Galicia desde 1951, ou que a temperatura da auga en cabo Silleiro acadou máximos históricos. Tamén soubemos que en 2016, o mes de febreiro foi o máis cálido a nivel global desde que existen rexistros, e que o 2015 foi o ano máis caluroso da serie histórica.

Juan Ramón Vidal Romaní.

Juan Ramón Vidal Romaní.

Mais ante isto xorde unha pregunta: É o ser humano responsable directo de todos estes cambios; do efecto invernadoiro, do desxeo dos polos, do cambio das correntes mariñas? A raíz do artigo publicado en GCiencia sobre a temperatura da auga en Galicia xerouse un debate sobre a relevancia destes rexistros, e saíron á palestra máis preguntas: hai datos suficientes para soster que a temperatura da auga está crecendo? O cambio climático estase acelerando por causa da acción humana, ou teríase producido do mesmo xeito por unha dinámica ‘natural’?

Unha das voces que avoga por relativizar o impacto humano no cambio global é Juan Ramón Vidal Romaní, xeólogo de referencia en Galicia, director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, profesor da UDC e presidente da Sección de Química e Xeoloxía da Real Academia Galega de Ciencias. Romaní e o seu equipo levan decenios estudando as variacións do clima en Galicia desde hai centos de milleiros de anos, e non ten tan claro que a man do home sexa crucial: “Non se pode diferenciar claramente o papel no cambio climático dos factores antropoxénicos dos factores naturais. Non hai rexistro comparable ao rexistro xeolóxico en duración de tempo que permita asegurar que a influencia antrópica é tan decisiva como se pensa”, sinala o xeólogo.

Variacións do nivel do mar e a temperatura en Galicia nos últimos 450.000 anos. Cedida por J.R. Vidal Romaní.

Variacións do nivel do mar e a temperatura en Galicia nos últimos 450.000 anos. Cedida por J.R. Vidal Romaní.

Con todo, Vidal é igualmente crítico co papel do ser humano na sobreexplotación de recursos do planeta: “Outra cousa é que o papel da especie humana na transformación da superficie da Terra sexa evidente: cambios de vexetación, de uso do territorio, de esgotamento dos recursos hídricos onde non os había”. É dicir, o problema non está tanto no impacto sobre o clima senón sobre os recursos, pero é un problema igualmente grave.

En que investigacións se basea Romaní para soster esta visión?: “Levamos desde o ano 2000 estudando o cambio climático no Courel empregando os datos obtidos a partires de estalagmitas escollidas na cova de Arcoia e datando morenas glaciares nas Serras de Queixa e tamén no Courel”, conta. No IUX Parga Pondal publicouse recentemente un estudo dunha secuencia contínua de datos para os últimos 550.000 anos, “de maneira que existe un rexistro contínuo de datos xeolóxicos que permiten reconstruír como variou o clima, a temperatura, o nivel do mar, e o avance ou retroceso dos glaciares galegos durante máis de 550.000 anos”, explica Vidal Romaní.

Con estes datos na man, o profesor da UDC sinala que “xa se rexistrou aquí unha temperatura máis alta ca actual hai 135.000 anos. Por iso para nós, falando a nivel xeóloxico, podemos dicir que o cambio climático ten sucedido dende hai millóns de anos, e por suposto nos últimos 550.000 anos”. E Romaní expón a cuestión: “Agora ben: cal é a influencia humana no chamado cambio climático actual? Está claro que non podemos falar de cambio climático debido a factores antropoxénicos hai 135.000, 235.000 anos, ou 405.000 anos, e así poderíamos seguir ata o inicio do Cuaternario. Tan só hai 7.000 ou 10.000 anos, as rías eran vales fluviais como pode ser agora o Eume ao seu paso polas Fragas do Eume. A praia das Catedrais non existía; alí había bosques ben mestos e inzados de árbores. É dicir, que o cambio climático existe dende hai moito tempo, centos de miles e aínda millóns de anos”.

“Ninguén contabiliza a diferencia entre os gases de orixe antrópica e os naturais”

E como influíu, entón, o ser humano: “O dito cambio climático de orixe antrópica baséase no incremento de gases de efecto invernadoiro na atmosfera terrestre (vapor de auga, CO2, CO2, CH4, NO3, etc.) aínda que por exemplo os aerosois (cinzas de lumes ou de emisións industriais) teñen un efecto contrario, é dicir, de arrefriamento da atmosfera. Pero os gases de efecto invernadoiro prodúcense non só por acción antropoxénica, senón tamén en procesos naturais, e velaí o problema: Como separamos a fracción dos gases con efecto invernadoiro producido en procesos naturais da fracción producida por acción antropoxénica? Ninguén o fai, e tampouco ninguén contabiliza a diferencia. E abonda con que un volcán teña unha erupción relativamente importante para que a temperatura da atmosfera suba 1 ou 2 ºC en poucos días. E estamos a falar dun só volcán”.

“O que está pasando é o esperable nun período interglaciar”, afirma Romaní

Así, Romaní expón: “estamos nun período interglaciar no que, como pasou antes varias veces, a temperatura da Terra sobe incluso por riba dos valores actuais. O que está pasando é o esperable. Iso non quere dicir que non se deba coidar a Terra, non destruír a súa cuberta vexetal, non emitir tantos gases de combustión do petróleo, incendios, etc. Son dúas cousas diferentes. Mais penso que a acción antrópica non está xogando un papel clave no cambio global, senón que máis ben se une aos cambios producidos polo feito de estar nun período interglaciar que comezou hai 15.000 anos é que está facendo que suba o nivel do mar, que suba a temperatura, que haxa mais evaporación da auga do mar e, por tanto mais precipitacións, e máis intensas onde sempre as houbo como é o caso de Galicia”.

A conclusión do xeólogo é, con todo, moi crítica co papel do home: “Para min, a cuestión esencial é o mal uso que se fai da Terra e dos seus recursos. Esa é a causa principal das distorsións observadas. As secas débense, na miña opinión, ao incremento do consumo de auga polo cambio nas costumes hixiénicas da xente, ao incremento dos cultivos, e ao incremento do consumo de enerxía que fai as multinacionais muxan os ríos ao máximo para o seu beneficio económico, aínda habendo auga como sempre a houbo. E tamén é certo que o incremento da agricultura, da hixiene na poboación ou dos movementos de poboación durante as vacacións ten contribuído a unha distorsión nos hábitos de consumo de auga”.

Unha resposta a ““O factor humano no cambio climático non é tan decisivo como se pensa””

  1. John

    Por desgracia los humanos solo se mueven bajo amenaza no bajo la racionalidad, es lamentable que solo impulse a cuidar el planeta la amenaza del cambio climático que nos deje sin playas y no el uso racional de los recursos limitados de los que disponemos.
    Un artículo muy sensato y razonable.
    Os meus parabens doutor Vidal

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.