Varios grupos de investigación galegos traballan para frear a invasión da velutina. Imaxe: Wikicommons / Francis Ithurburu.

Varios grupos de investigación galegos traballan para frear a invasión da velutina. Imaxe: Wikicommons / Francis Ithurburu.

UVigo e Deputación de Pontevedra unen forzas contra a ‘velutina’

O ente provincial aporta 60.000 euros para a creación dunha estación experimental pioneira en Europa

O campus de Vigo contará cunha estación experimental, pioneira en Europa, para o estudo da Vespa velutina, unha iniciativa pioneira que xorde do convenio de colaboración que a institución académica asinaba este xoves coa Deputación de Pontevedra, que destinará 60.000 euros a unha investigación coordinada polas profesoras do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Josefina Garrido e María Calviño. O proxecto abrangue así mesmo o estudo do ciclo biolóxico desta especie e o seu comportamento nesta zona, o que permitirá, como explicou o reitor, Salustiano Mato, definir unha serie de pautas que permitan a detección temperá dos seus niños e medidas que “sirvan para atenuar os efectos negativos desta especie invasora”.

Trala sinatura dun acordo polo que a Deputación destinará 40.000 euros neste exercicio e outros 20.000 no seguinte a esta investigación, a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, puxo de relevo a “enorme preocupación” que a avespa asiática, a Vespa velutina nigrithorax, está a xerar no sector da apicultura, dado que é unha depredadora de abellas, e da froita, así como a “alarma social” que está a xerar na cidadanía. Silva lembrou o falecemento, o pasado martes, dun veciño do Porriño tras ser atacado por estes insectos, e apuntou que, segundo datos da Xunta, “o 87% dos concellos da provincia están afectados pola presenza de niños de velutina”, que en 15 teñen detectada a presenza de máis de 100 niños e que, no conxunto de Galicia, o 65% do territorio está afectado por un insecto que “os científicos alertan que en pouco tempo colonizará todo o norte da península”.

A avespa xa afecta ao 87% dos concellos da provincia

“O máis importante é que se vai montar por primeira vez unha estación experimental e iso vainos permitir traballar coa especie e ver aspectos que doutro xeito non poderíamos coñecer”, salientou Garrido dunha investigación que contempla a creación, no campus vigués, dunha primeira estación experimenal en España, o que, como engadiu Silva, converterá á Universidade “nun referente do estudo de como se comporta esta especie en toda a península” e faralle posible “dar resposta a outros lugares, non só de Galicia, senón de todo o Estado, sobre todo do norte e noroeste peninsular”.

“A nosa idea con esta estación é poñer en marcha experimentos baseados sobre todo en colmeas de abellas, nos que poidamos observar comportamentos de ataque e como poden ser as estratexias de defensa”, engadiu María Calviño dunha iniciativa na que Garrido, investigadora da área de zooloxía, liderará os estudos que acheguen información detallada do ciclo biolóxico, mentres que Calviño, profesora de ecoloxía, vinculará ese coñecemento do ciclo biolóxico coa “súa integración no ecosistema e na interacción con outros organismos”.

María Calviño, Salustiano Mato, Carmela Silva e Josefina Garrido. Foto: Duvi.

María Calviño, Salustiano Mato, Carmela Silva e Josefina Garrido. Foto: Duvi.

Nese mesmo senso, Mato puxo de relevo a importancia de analizar como a velutina “se adapta ao noso ecosistema e as distintas variables climáticas”, xa que esta especie pode supor para a apicultura o que no seu día supuxo a filoxera para o sector vinícola, alertou, tendo en conta ademais que “os efectos do cambio climático provocan un efecto multiplicador na expansión desta especie”.

Un dos obxectivos centrais deste proxecto é “aumentar a eficacia” na detección e destrución dos niños, explicou Calviño, para o que traballarán na definición dunha serie de “protocolos que poidan ser fáciles de poñer en marcha e que non sexan tampouco excesivamente custosos” de cara á súa eliminación antes de que se convertan en “niños consolidados”. A elaboración dun protocolo para a súa detección mediante métodos baseados na marcaxe con dispositivos que faciliten o seguimento e que permitan delinear as súas rutas de alimentación constitúe nese senso outro dos traballos a desenvolver nun proxecto do que agardan poidan saír recomendacións para que as actuacións dos servizos encargados da retirada destes niños “sexan eficaces”, como engadiu Silva, quen anunciou que se este proxecto precisase doutras medidas “que supoñan máis recursos, a Deputación vaise implicar ao 100%”.

Inserido no protocolo marco de colaboración que Universidade e Deputación asinaron en 2015, este convenio dirixido a “dar resposta desde o coñecemento” a unha problemática concreta terá continuidade, segundo anunciou Silva, con outro convenio que ambas institucións asinarán proximamente e que permitirá organizar unha “gran xornada de debate e análise sobre a situación dos nosos montes, como lles afecta o cambio climático e que medidas hai que tomar”. Esta iniciativa, engadiu, permitirá “desde o rigor facer propostas que nos permitan desenvolver unha nova política forestal que é imprescindible e urxente”.

Unha resposta a “UVigo e Deputación de Pontevedra unen forzas contra a ‘velutina’”

  1. Julián Alonso

    E de vital importancia o control desta plaga de avispa foranea .Os que vivimos nas parroquias de Vigo xa non miramos abellas porque foron comidas(literalmente )po la velutina .En Navia no veran do 2016 nunha sola casa exterminaron 6 colmenas de abellas….

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.