De esquerda a dereita, integrantes do equipo: Isaac Rodríguez, Leticia Perez, Gabriela Castro, María Ramil e Rafael Cela. Foto: USC.

De esquerda a dereita, integrantes do equipo: Isaac Rodríguez, Leticia Perez, Gabriela Castro, María Ramil e Rafael Cela. Foto: USC.

Un equipo da USC crea un método para medir máis de 50 praguicidas no viño

Un grupo do Instituto de Investigación e Análise Alimentaria desenvolveu o protocolo no marco do proxecto europeo Vinovert

Na actualidade, as políticas europeas avogan por reducir o uso de praguicidas, tanto funxicidas como insecticidas, na viticultura, así como na identificación dos principios activos que,  a igualdade de dose e efectividade no control de pragas, presenten un factor de transferencia dende a uva ao viño o máis reducido posible.

Neste marco, a Unidade de Química Analítica do Instituto de Investigación e Análise Alimentaria da USC (IIAA) desenvolveu un método que permite cuantificar 50 fitosanitarios en mostras de viño. A principal vantaxe é o volume de compostos que se poden medir de xeito simultáneo, así como a redución de tempo de análise. “A determinación dos 50 compostos require tan só 10 minutos”, explica Isaac Rodríguez, coordinador do estudo. Amais, as características deste protocolo permiten analizar viños de produción convencional e ecoloxícos, dada a excelente sensibilidade e rango de resposta.

A análise de 50 compostos “require tan só 10 minutos”, sinala o coordinador do estudo

Tal e como destacan desde o equipo investigador, a evidencia da transferencia de praguicidas da uva ao viño e as diferenzas nas regulamentacións nacionais sobre o número e a concentración máxima destas substancias no viño esixe procedementos analíticos adecuados para o seu control rutinario. A proposta do equipo da USC foi publicado na revista Analytical and Bioanalytical Chemistry, sendo un dos artigos seleccionados no volume dedicado ao 16º aniversario desta revista.

Un dos obxectivos deste estudo é comprender os efectos das diferentes prácticas agrícolas nos niveis de residuos de praguicidas no viño. A información obtida combinarase coa incidencia de enfermidades nos viñedos e os datos de estudos de economía experimental para avaliar a aceptación de viños cun reducido nivel de fitosanitarios por parte dos consumidores e determinar o seu valor de mercado.

A USC ofrece o método a produtores particulares e Consellos Reguladores

O desenvolvemento deste método desenvolveuse no marco do proxecto Vinovert, financiado pola convocatoria Interreg SUDOE da Unión Europea. O protocolo aplicarase en estudos de campo con viños experimentais elaborados en distintas rexións de España e Francia por parte dos socios do consorcio. Desde o equipo do IIAA ofrécense a produtores particulares e Consellos Reguladores para contrastar os datos de residuos de fitosanitarios no seu produto final coa información relativa a frecuencia, número e tipo de tratamentos aplicados en viña recollida nos cadernos de viticultura.

O proxecto Vinovert estuda a responsabilidade social das empresas e dos consumidores de viño favorecendo a competitividade. Atende a todos os elementos implicados na produción e no mercado co obxectivo de achegar solucións técnicas e científicas que permitan limitar o uso de praguicidas nas viñas, estudar a pertinencia económica das cepas resistentes ou validar as posibilidades de redución de aditivos enolóxicos.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.