Venres 29 Marzo 2024

Un estudo da USC demostra o impacto das aves mariñas no ciclo do nitróxeno e o fósforo

Un estudo realizado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela demostra como as aves mariñas modifican as condicións ambientais das zonas onde establecen as súas colonias de reprodución. Na súa investigación, explican que estas especies actúan como un importante canal de transferencia de fósforo e nitróxeno desde as augas oceánicas aos continentes. E así, modifican a composición dos solos, a auga e a vexetación.

O traballo, que acaba de ser publicado na prestixiosa revista Nature Communications, está liderado polo profesor de Edafoloxía e Química Agrícola da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo Xosé Luis Otero, supón unha importante contribución aos ciclos do nitróxeno e fósforo, elementos que xogan un papel crucial na produtividade mariña.

Publicidade

As aves producen unha cantidade semellante de nitróxeno e fósforo á que xeran todos os ríos do mundo

Segundo os cálculos realizados pola investigación, anualmente son depositadas nas colonias de cría a través dos excrementos 510.000 toneladas de nitróxeno e 99.000 de fósforo, cantidades semellantes ás das achegas fluviais realizadas polo conxunto de todos os ríos do mundo “ou mesmo do nitróxeno e fósforo extraídos das augas mariñas pola actividade pesqueira”, apuntan os autores. Ante isto, propoñen un novo termo, “ornitoeutrofización“, para designar o impacto das colonias das aves mariñas sobre os ecosistemas costeiros.

Para obter os datos, o estudo comezou co cálculo previo da poboación mundial de aves mariñas reprodutoras, dando como resultado un total de 804 millóns de individuos. Posteriormente, tras aplicar un modelo bioenerxético -que considera parámetros básicos como tamaño, tipo de alimentación, taxa de eficiencia enerxética e tempo de residencia na colonia de cada especie- cuantificouse a cantidade total de nitróxeno e fósforo excretado polos adultos e crías nas colonias.

Os investigadores determinaron tamén a distribución mundial da achega global, para o que foi necesario analizar máis de 3.000 colonias, e constataron que pese a que as aves mariñas se distribúen por igual nas zonas circunspolares, máis do 80% de nitróxeno e fósforo deposítase no hemisferio sur, debido ao maior tamaño das especies nesa parte do planeta. Entre elas, sobresaen os pingüiños (especialmente o de macaroni) no hemisferio sur e o arao común no norte.

Traballos nas Illas Atlánticas

Para a investigación, titulada ‘Seabird colonies as important global drivers in the nitrogen and phosphorus cycles’, o equipo traballou no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, que funcionou como “un auténtico laboratorio natural”, en palabras dos científicos, de onde saíron os primeiros datos acerca da relevancia das aves mariñas sobre o ciclo global do nitróxeno e o fósforo.

Na investigación, financiada polo Organismo Autónomo Parques Nacionales e o programa de Bolsas Leonardo a Investigadores e Creadores Culturais 2016 da Fundación BBVA, tamén participaron o catedrático de Xeografía Física da USC Augusto Pérez Alberti e o investigador Saúl De La Peña, xunto con investigadores das Universidades de Sao Paulo (Brasil) e da Autónoma de Baja California (México).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Os cubículos e corredores reducidos nas granxas de Lugo afectan a produción de leite

A tese de Sonia Verdes Gil conclúe que as superficies incómodas prexudican a saúde e a hixiene das vacas

A ameaza dos visóns de Carral: un estudo recomenda extremar precaucións

A investigación sobre o brote da granxa galega do pasado outono revela que é necesario fortalecer a bioseguridade e implementar programas de vixilancia