Follas deformadas pola praga

Follas deformadas pola praga.

O ‘dragón amarelo’ ameaza a miles de árbores galegas

A psila africana, que se expande con radidez por cítricos de Pontevedra e A Coruña, pode transmitir unha bacteria considerada moi perigosa

Non se tiñan noticias da presenza en Galicia da psila africana, un insecto chupador duns catro milímetros de lonxitude, até que algunas árbores cítricas de Vilanova de Arousa deron a primeira voz de alarma: follas amareladas con deformacións rugosas na parte superior, como se de súpeto aos limoeiros lles saísen verrugas. As ninfas deste insecto, de nome científico Trioza erytreae e descrito por vez primeira en Sudáfrica a finais do século XIX, estaban medrando en follas mentres os adultos picaban e succionaban a savia. Case por axfixia –dificulta a fotosíntese- a psila africana é capaz de debilitar gravemente as prantas que alcanza, sempre cítricos. E en Galicia, dende o primeiro foco identificado nas Rías Baixas en 2014, estase a estender lixeira: chega xa a boa parte da provincia de Pontevedra e da Coruña e está especialmente asentada nas comarcas de O Salnés e O Barbanza. En España, só se tiña constancia até agora da presenza do insecto nas illas Canarias, onde se detectaron hai xa máis de dez anos. Tamén en Portugal apareceron árbores afectadas, primeiro en Madeira e logo xa na penísunla, na zona de Porto.

Árbore afectada pola praga da psila africana

Árbore afectada pola praga da psila africana

A Consellería de Medio Rural loita agora para deter a praga, declarada oficialmente en Galicia en febrero deste ano a través dunha resolución publicada no Diario Oficial de Galicia. A psila africana difícilmente é mortal por si mesma, pero pode reducir a floración. O máis desagradable é o compañeiro que ás veces trae consigo: a bacteria Candidatus Liberibacter africanus, causante dunha enfermidade mortal para o cítrico, coñecida como dragón amarelo. A doenza non ten tratamento efectivo polo momento, máis non hai evidencias de que o temido organismo chegase a Galicia. Con todo, debido ao desastre que causa noutras rexións ás que si alcanzou, como os EEUU, todos ollos están postos na psila africana e no dano que esta sorte de pulgón pode ocasionar se chega a transmitir o indesexable hóspede, xa non só a Galicia, se non ás provincias do sur de España nas que a produción de cítricos ocupa unha parte importante da economía agrícola.

Polo momento, a reacción consiste en illar o enfermo: a psila africana é un organismo de corentena e o particular que o detecta debe aplicar as medidas obrigatorias ante a praga. Os propietarios que detecten a presenza da praga teñen a obriga de informar aos servicios oficiais de sanidad vexetal da provincia correspondente e aplicar o tratamento fitosanitario indicado polos técnicos, en intervalos de dúas ou tres semanas. Se a afección é leve, basta con retirar as ramas e destruílas mediante queima. Unha resolución da Consellería do Medio Rural prohibía en xullo o movemento das especies sensibles nos 33 municipios afectados, é dicir, os enxertos e plantóns, así como a comercializaciónde froitos cítricos con follas ou pedúnculos cando proceden de zonas con praga. Os críticos susceptibles de albergar o insecto son o limoeiro, a naranxeira, a lima, o mandarino e variedades ornamentais da familia das rustáceas. A súa expansión preocupante xa ten consecuencias nalgún viveiros das Rías Baixas, que recibiron no últimos mes o aviso de que lles quedaba prohíbido vender cítricos para deter a progresión do insecto en Galicia.

O insecto expandeuse por municipios da Coruña e Pontevedra en pouco tempo

Ademais de intentar controlala, a psila africana tamén se estuda. Á Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, chegaron centros de mostras dende o ano pasado, de particulares ou de empresas, co encargo de dilucidar a identidade do invasor. Pedro Mansilla, o director da entidade, calcula que até final de ano poden chegar aos seus laboratorios “1.000 ou 2.000” mostras de árbores rutáceas afectadas. El mesmo asinou un artigo sobre a psila africana xunto a Rosa Pérez Otero na revista Arquivos Entomolóxicos e segue estudando a Praga. “A pregunta do millón”,di, é a de cómo chegou ao norte da penísula ibérica. “Hoxe en día o intercambio comercial é intenso, mesmo nas viaxes dos particulares pode entrar. É complicado saber como chegou. O que sabemos é que apareceu pola zona do Grove o ano pasado e que xa se estendeu pola franxa costeira. É unha expansión moi elevada nun espazo de tempo curto. O máis importante é poder detela en Galicia para que non salte a zonas onde a produción de cítricos é máis importante, por exemplo o sur de España”, explica Mansilla.

Areeiro, encargado de facer as prospeccións para a Xunta de Galicia, recibe “constantemente”, subliña o investigador, novas mostras de cítricos infectados. Tamén chamadas para atender dúbidas, porque o coñecemento da praga, mesmo aínda que non se detectara a bacteria mortífería á que lle fai de vector, xera certa alarma. “Até me chamaron dende Bruxelas preguntando polas fincas que tiñan en Galicia”, conta.

A boa noticia é que a psila africana, mentres estea soa, responde ben aos insecticidas. “En si mesma é unha praga coma outra calquera”, tranquiliza Mansilla.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.