Venres 29 Marzo 2024

Un plan para conservar o cabalo galego de monte

Coñecer o estado actual das poboacións da raza Cabalo Galego do Monte e deseñar medidas específicas para a súa conservación é o propósito central do proxecto de investigación que o grupo de investigación AF-4, da Escola de Enxeñaría Forestal, vai desenvolver ao longo do vindeiro ano na Serra do Cando e no Monte Cabalar. Seleccionado pola Fundación Biodiversidad, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, dentro da súa convocatoria de axudas en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2015, este estudo comprende a avaliación dos “parámetros poboacionais de distribución, idades e sexos, así como a problemática territorial, sectorial e sanitaria” que supón esta especie nas áreas obxecto de estudo, co propósito de deseñar as “ferramentas necesarias para a súa conservación ao longo do tempo a través de acordos de custodia do territorio”, segundo sinala o director da EE Forestal e do grupo AF-4, Enrique Valero.

Exemplar de cabalo galego de monte.
Exemplar de cabalo galego de monte.

O proxecto Estudo e conservación do Cabalo Galego do Monte a través de acordos de custodia do territorio na Serra do Cando e no Monte Cabalar foi presentado na Casa Consistorial de Cotobade por Valero e a investigadora Xana Álvarez, xunto co rexedor deste municipio, Jorge Cubela, e os alcaldes de Campo Lameiro Julio Sayáns, e Cerdedo, José Balseiros. Tres concellos que colaboran cun proxecto que nesta xornada celebrou en Cotobade a súa primeira reunión de traballo e que tamén conta coa participación da Comunidade de Montes en Mancomún de Caroi, a asociación Cabaleiros de Cotobade, a entidade Custodia do Territorio do Río Lérez e a cooperativa Monte Cabalar, así como das direccións xerais de Produción Agropecuaria e Conservación da Natureza da Xunta. Trátase, sinalan os seus responsables, dun “proxecto multidisciplinar” que analizará desde diferentes ámbitos a situación da especie en dúas “zonas diferenciadas”, o espazo protexido da serra do Cando, que abrangue aos diferentes municipios participantes, e o Monte Cabalar, na Estrada, xestionado por unha cooperativa. O propósito final é deseñar unha serie de medidas que contribúan á preservación da especie e que poñan en valor o “interese cultural, tradicional e ecolóxico” dunha especie que “forma parte do patrimonio natural de Galicia”, como apuntou Álvarez.

O estudo permitirá coñecer o estado actual desta raza autóctona

O estudo que os investigadores da Universidade desenvolverán ao longo dun ano contempla en primeiro termo coñecer “o estado actual das poboacións desta raza autóctona”, así como analizar todos os posibles conflitos vinculados á mesma “tomando en consideración as sensibilidades de todos os axentes implicados, desde os xestores da especie e do territorio, ás asociacións cabalares, propietarios, etc”.
Neste senso, o grupo AF-4 avaliará o papel que xoga a especie en “procesos ecolóxicos esenciais”, como a conservación das uceiras e doutros hábitats prioritarios, o que o converte en “esencial para a prevención de lumes”, como apunta Valero, que incide en que un dos focos deste estudo será “comprobar a influencia do cabalo como controlador de incendios forestais”. Do mesmo xeito, tamén se porá sobre a mesa a incidencia que ten o feito de que esta especie sexa unha presa habitual do lobo ibérico. Por outra banda, vaise estudar a posibilidade de que as producións derivadas do Cabalo do Monte e o manexo que se realiza deles poida chegar a conseguir o certificado de xestión sostible internacional PEFC, explicaron os responsables do proxecto.

Publicidade

Os investigadores ven neste cabalo un controlador de incendios forestais

O propósito deste proxecto é, como subliñou Valero, “deseñar as ferramentas necesarias para o mantemento desta especie ao longo do tempo, mediante os acordos de custodia do territorio que se alcancen” entre as entidades participantes e os propietarios de terreos, para levar a cabo unha “xestión sosbile que permita darlle durabilidade ao proxecto a longo prazo”.
Neste senso, este estudo foi presentado como unha “experiencia piloto”, que podería servir nun futuro para a súa posterior replica noutros territorios. “Queremos entender, en dúas pequenas zonas de Galicia, como se desenvolve esta poboación en todos os sentidos, para posteriormente, poder extrapolala a outras zonas”, engade este grupo de investigadores, que proxectan que o proxecto seleccionado pola Fundación Biodiversidad constitúa “o inicio dunha liña de investigación aplicada e transferencia de tecnoloxía que queremos ampliar a todo o territorio galego”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves

Unhas xornadas afondan en como creatividade e innovación xeran un futuro máis sostible

Celebraranse este mércores 24 na Casa das Campás, en Pontevedra, ao abeiro do programa "Ciencia de ida e volta" impulsado pola UVigo

O Servizo de Dixestivo do Hospital de Pontevedra, o mellor de España contra a hepatite C

Esta unidade é pioneira na utilización de técnicas de intelixencia artificial e big data para a detección de pacientes ou implementando o diagnósticos dos mesmos nun só paso

A Coruña é a provincia con máis xeodestinos de Galicia

A actualización do mapa desta áreas turísticas destacadas suma 12 novos destinos e xa está integrado por un total de 26