Xoves 28 Marzo 2024

Un parasito dunha especie invasora ameaza os sapoconchos galegos

Raúl Iglesias, investigador de Bioloxía da UVigo
O investigador Raúl Iglesias, cunha imaxe do parasito no monitor. Foto: DUVI

O sapoconcho común (Emys orbicularis) atópase en perigo de extinción en Galicia dende o ano 2007. As súas principais ameazas son a perda de hábitat, o pequeno tamaño das poboacións e a presenza de especies exóticas invasoras (EEI). É precisamente esta liberación de sapoconchos exóticos mantidos como mascotas, como o de Florida, o que preocupa especialmente ós científicos polos seus efectos negativos, pero non só porque compiten coa poboación autóctona polos recursos, senón tamén polo vínculo a través do que se introduciu un parasito que provoca un alto índice de mortalidade entre os espécimes galegos. En consecuencia, estas especies poderían confirmarse como unha das principais ameazas dos sapoconchos galegos se seguen a introducirse nos hábitats do país ao comercializarse como mascotas e posteriormente seren abandonados, segundo publica M. del Río no Duvi.
Un grupo de traballo de investigadores do grupo de Parasitoloxía, do EcoEvo Lab, da Asociación Herpetolóxica Española e do Vigozoo, foi o encargado de realizar un estudo financiado pola Xunta de Galicia para coñecer o estado da infección provocada polo parasito nas tres poboacións naturais de sapoconcho común que quedan en Galicia: Gándaras de Budiño e as ribeiras dos ríos Avia e Arnoia, ademais da poboación introducida no Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo. Os resultados veñen de ser publicados na revista Diseases of Aquatic Organisms e confirman a presenza de adultos e ovos do parasito Spirorchis elegans no organismo dos sapoconchos galegos. O achado, como explica Raúl Iglesias, profesor de Parasitoloxía do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde da Universidade de Vigo, “é especialmente relevante porque é a primeira vez que este patóxeno, de distribución americana, se descubre en sapoconchos europeos, causando ademais unha importante mortalidade”.

Orixe do problema

Raúl Iglesias explica que os primeiros indicios de alteración na conduta dos sapoconchos galegos foron detectados en decembro do ano 2012, “cando certos exemplares dos humidais de Centeáns, nas Gándaras de Budiño, apareceron activos na época da hibernación, aínda que sen signos aparentes de enfermidade”. Na primavera de 2013 apareceron os primeiros individuos mortos ou moribundos, que foron necropsiados no Vigozoo. “Foi entón cando os estudos de patoloxía encargados pola Xunta de Galicia suxeriron como a causa da morte a presenza de diversas lesións asociadas á presenza de ovos de parasitos nos tecidos e órganos vitais dos sapoconchos e nese momento foi cando solicitaron a nosa colaboración”, explica.

Publicidade

Os patóxenos chegaron probablemente da man de sapoconchos americanos vendidos como mascotas

O grupo de traballo quedou entón conformado por César Ayres, da Asociación Herpetológica Española (AHE), o profesor Adolfo Cordero, do EcoEvo Lab, o veterinario do Vigozoo, Antonio Acuña e Raúl Iglesias e Xosé M. García Estévez, ambos profesores de Parasitoloxía do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde.
O primeiro dos investigadores paso foi examinar con detalle o sistema vascular dos sapoconchos nas necropsias, o que lles permitiu detectar os primeiros adultos destes parasitos, que finalmente foron identificados no laboratorio como Spirorchis elegans. Estes patóxenos chegaron ás zonas húmidas galegas probablemente da man de sapoconchos americanos, que se comercializaron como mascotas. Estas especies invasoras son “o principal hospedeiro deste patóxeno no continente americano” e deste xeito transpórtano tamén a Galicia, xerando o que os investigadores definen como “vertido parasitario” (parasite spillover). Isto significa que un parasito introducido cunha especie exótica consegue transmitirse con éxito a outra/s especie/s indíxena/s.

Tratamento da infección

A pesar da grave da situación, os investigadores destacan que os sapoconchos poden ser tratados satisfactoriamente se a infección se detecta a tempo. No caso do trematodo Spirorchis elegans, a patoloxía vén producida principalmente “pola presenza masiva dos seus ovos nos diferentes tecidos dos órganos vitais do sapoconcho (cerebro, fígado, pulmóns, tubo dixestivo, riles, bazo, etc.), o que produce importantes cambios inflamatorios a nivel tisular, ademais de tromboses e embolismo pola acumulación dos ovos no sistema vascular, e infeccións secundarias”.

Mostras dos intestinos, de mucosas infectadas con ovos e de feces
Mostras dos intestinos, de mucosas infectadas con ovos e de feces

O estudo consistiu tamén en detectar os ovos do parasito nas feces dos sapoconchos. Os animais identificados e localizados con vida foron tratados nas instalacións do Vigozoo. Porén, se a infección non é diagnosticada e tratada a tempo, a mortalidade pode ser moi elevada. César Ayres explica que, de feito, na poboación das Gándaras de Budiño morreron 11 sapoconchos, é dicir, un 20% dos individuos residentes nesas zonas húmidas.
Pero se ben os primeiros indicios da presenza destes patóxenos e da enfermidade foron detectados nas Gándaras de Budiño, os últimos estudos coproparasitolóxicos realizados por este equipo revelan que a infección “non está restrinxida unicamente aos sapoconchos deste lugar, senón que tamén hai algún exemplares infectados na ribeira do río Avia”, aínda que sen detectarse mortalidade entre os sapoconchos. Raúl Iglesias apunta tamén que existe outro problema, xa que “este parasito precisa dun hospedador intermediario, un caracol acuático probablemente tamén exótico, polo que habería que eliminar o foco (sapoconchos exóticos) pero tamén controlar aos caracois”. Consideran que a identificación destes hospedeiros invertebrados é importante tanto para controlar a enfermidade, como para explicar por que “este patóxeno non foi detectado con anterioridade noutras zonas europeas cohabitadas polo sapoconcho común e polos sapoconchos exóticos”.

Só 250 exemplares en toda Galicia

O sapoconcho común foi catalogado no ano 2007 como unha especie en perigo de extinción en Galicia, o que levou á Consellería de Medio Ambiente a establecer un plan de recuperación específico para este animal no ano 2013. Actualmente, a estimación é de “arredor de 250 exemplares repartidos nos núcleos dos ríos Louro, Avia e Arnoia”, comenta o investigador César Ayres.

Os investigadores propoñen restrinxir a venda de sapoconchos exóticos

O Plan de Recuperación específico para o Emys orbicularis pretende garantir a supervivencia a longo prazo das poboacións desta especie existente no noso territorio así como a súa reintrodución noutros hábitats potenciais de Galicia. As actuacións deste plan van dirixidas non só á protección e recuperación do hábitat natural deste animal senón tamén ao desenvolvemento de medidas para mitigar o impacto das especies exóticas invasoras. Os investigadores destacan ademais que non é a primeira vez que detectan que estas especies invasoras introducen en Galicia un parasito de orixe americana. “No ano 2006 publicamos o achado dun coccidio intestinal proveniente deste continente que, afortunadamente, ata agora non causou efectos patóxenos importantes sobre o noso sapoconcho”. Neste sentido, acaba de saír publicado outro artigo en Francia onde se demostra a transmisión doutro tipo de helminto, diferente ao Spirorchis, dos sapoconchos americanos á especie europea Mauremys leprosa(sapoconcho riscado).
Os investigadores propoñen ademais outras medidas ás administración para atallar este problema, que pasan por desenvolver técnicas de diagnose precoz para poder tratar aos sapoconchos infectados antes de que os ovos do parasito comecen a xerar patoloxía e a saír nas feces. Por outra banda, apostan por implementar medidas para restrinxir a venda de sapoconchos exóticos e informar á poboación dos riscos asociados á liberación deste tipo de mascotas e, sé fose necesario, “tal e como se recolle na lexislación vixente, erradicar as EEI das zonas húmidas”, conclúen.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UVigo constata que o granulado ten aditivos con "toxicidade crónica" e irritantes para os ollos

O grupo liderado por Ricardo Beiras analiza un dos informes encargados pola Xunta para coñecer a composición das bólas plásticas

As autoridades descoñecen os aditivos químicos dos plásticos un mes despois da vertedura

O único dato oficial sobre as bólas é que están feitas de polietileno, o plástico máis común, pero aínda non se sabe que outras substancias conteñen

Os salvadores de tartarugas das Rías Baixas: así se recuperan animais vulnerables en Galicia

Biólogos da Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños explican como traballan no seu centro de recuperación de Nigrán

Que sabemos dos estorniños de Ferrol? O choque, a causa máis probable

Máis dun cento de paxaros apareceron mortos no barrio de Caranza e xa se descarta a gripe aviar e a electrocución como orixe do suceso