Investigadores do grupo ChromChem, da USC.

Investigadores do grupo ChromChem, da USC.

Un fármaco para o corazón, no abono agrícola

Investigadores de Santiago detectan aniodaroma nos lodos que as depuradoras de Galicia comercializan como fertilizante

Un estudo realizado polo grupo ChromChem acaba de confirmar por primeira vez a acumulación de residuos considerables de amiodarona e un dos seus metabolitos en lodos procedentes de Estación de Depuración de Augas Residuais (EDAR). A amiodarona é o principio activo dun fármaco empregado no tratamento de doenzas cardíacas cuxa presenza se detectou en mostras procedentes de EDARs urbanas de varias cidades de Galicia. O feito de que este fármaco presente efectos secundarios non desexables como a alteración da función do tiroides confírelle unha potencial toxicidade ambiental, explican os investigadores responsables do estudo, o profesor Isaac Rodríguez Pereiro, Rosa Montes Goyanes e Jorge Casado Agrelo, que realizaron o novedoso achado xuntos a outros docentes da universidade compostelá e de Barcelona.

Imaxe dunha depuradora de augas residuais.

Imaxe dunha depuradora de augas residuais.

Concretamente, as análises realizadas nos laboratorios da USC permitiron identificar niveis tanto de amiodarona como do seu metabolito des-etilado no rango de concentracións situado entre 20 e 300 ng/g. Os investigadores descubriron que a substancia estudada non é eliminada durante os procesos convencionais de estabilización de lodos, previos ao seu aproveitamento como fertilizante en agricultura. Neste senso, “a persistencia e carácter lipofílico da amiodarona implican un risco potencial de bioacumulación nas cadeas tróficas a través do uso de lodos como fertilizantes”, engaden os investigadores.

Aínda que os estudos de avaliación de riscos clasificaron a amiodarona como un dos fármacos cun maior impacto ambiental no medio acuático, os intentos realizados ata o momento para determinar experimentalmente os seus niveis en mostras procedentes de EDARs fracasaran. Os novos resultados acadados polos investigadores da USC resultan de centrar as análises realizadas no estudo dos lodos en lugar das augas residuais en si. Para alcanzar o novo achado, o equipo de ChromChem optimizou un procedemento analítico altamente selectivo para a cuantificación deste composto e do seu principal metabolito nas mostras avaliadas empregando, entre outras técnicas, espectrometría de masas exactas.

A amiodarona é un dos fármacos cun maior impacto ambiental

A existencia de residuos de fármacos e produtos de coidado persoal en EDARs urbanas é un feito coñecido dende hai máis de dúas décadas. Neste ámbito, o grupo ChromChem que coordina o profesor Rafael Cela Torrijos no Laboratorio de Química Analítica do Instituto de Investigación e Análise Alimentario da USC (IIAA) traballa dende o ano 2000 no desenvolvemento de metodoloxías analíticas para a determinación deste grupo de compostos e os seus produtos de transformación en matrices ambientais. Os datos do novos estudo permiten avaliar a eficacia dos procesos de tratamento de augas residuais e detectar potenciais acumulacións nos lodos xerados nas EDAR. Estes achados acaban de ser divulgados en dúas publicacións nas revistas Analytical and Bioanalytical Chemistry e en Journal of Chromatography A.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.