Maite Vence coordina o proxecto Observer.

Maite Vence coordina o proxecto Observer.

“Galicia ten moito potencial para converterse nun destino de turismo científico”

Maite Vence coordina o proxecto Observer, o primeiro selo internacional que certifica destinos que combinan turismo e divulgación científica

Viaxar, coñecer e aprender sobre ciencia. Un bo plan para descubrir o mundo a través da divulgación científica. Esta é a idea sobre a que xira Observer, un sistema pioneiro a nivel internacional que certifica os destinos turísticos que tamén destacan pola súa valía a nivel científico, sexa polos seus recursos naturais e culturais ou pola súa oferta de actividades vinculadas á ciencia. A galega Maite Vence coordina o proxecto, que xa certificou como destino de turismo científico as Illas Atlánticas, e xa traballa na rede galega de parques naturais para o seu recoñecemento como destinos Observer. Esta semana comeza unha bitácora en GCiencia na que falará sobre destinos de ciencia de todo o mundo.

– Como xorde Observer?

-Nace a raíz dun proxecto de I+D da empresa FAZ, coa que nos dedicabamos á consultoría sobre desenvolvementos culturais, turísticos e de divulgación científica; moi relacionada tamén no seu momento cos países lusófonos. Notamos que había unha eiva no campo do turismo científico, faltaba esta nova forma de achegar a ciencia á cidadanía, aproveitando as canles do turismo. Pensamos que era importante ordenar recursos e homoxeneizar criterios de calidade das distintas variedades de turismo científico que xa existen, e que ás veces, nin sequera están conectadas.

Ao final conseguimos crear un selo que resulta ser a primeira certificación deste tipo que hai a nivel internacional. A través dunha metodoloxía específica, ofrecemos unha estratexia nestes lugares para adaptalos a este tipo de turismo.

Logo de Observer.

Logo de Observer.

– Como se converte un destino turístico ‘normal’ en destino Observer?

-O selo é unha ferramenta de planificación e xestión do turismo científico coa que se pretende fomentar o desenvolvemento económico e turístico sostible da zona do destino, con protocolos para o coidado dos recursos naturais e a súa divulgación científica. Potenciar o turismo, si, pero tamén contribuír a conservación dos espazos naturais e a difusión do seu coñecemento. Articulamos as nosas estratexias comezando cunha auditoría científica, que amosa a situación inicial destes espazos, a partir dos resultados e en función do territorio, propoñemos as actuacións a desenvolver para os seguintes tres anos. O obxectivo é crear o que nos chamamos un “ecosistema de turismo científico”. Aos tres anos faríase unha nova revisión.

– Podería abrir unha porta a un novo xeito de entender o turismo?

“O turismo científico é un moi bo xeito de coidar as áreas protexidas”

-Ese é un dos nosos obxectivos. O perfil de visitantes vai cambiando de xeración en xeración, é o propio público o que demanda novos produtos. Hoxe, unha grande parte da sociedade está concienciada de que hai que coidar os recursos naturais e ademais quere profundar nos porqués das cousas cando visita novos lugares. O turismo científico é un modelo turístico especialmente axeitado para  as áreas protexidas. A maior coñecemento, máis concienciación e mellor conservación dos recursos.

Aínda que non só falamos de espazos naturais. Os destinos Observer tamén poden estar en áreas urbanas. Os viaxeiros pode visitar as cidades desde un punto de vista científico, como é o caso da Coruña, que destaca polas actividades de divulgación científica a través dos museos.

–  Que pode ofrecer Galicia como destino de turismo científico?

-Temos moito potencial para converternos en destino de turismo científico; moitos recursos, e moi importantes: un Parque Nacional, unha rede de Parques Naturais, Reservas da biosfera con espazos singulares,  zonas xeolóxicas e arqueolóxicas de moito interese, os destinos Starlight, os museos científicos da Coruña… En Observer xa estamos traballando coa Consellería de Medio Ambiente na certificación de algúns dos parques naturais da rede galega.

Tamén as visitas a universidades ou  centros de investigación, coas xornadas de portas abertas, son unha forma urbana de turismo científico moi interesante para amosar a ciencia ao público.

– E a que tipo de públicos está aberto Observer?

-A todo o mundo. Precisamente o que buscamos é fórmulas para facer accesible o coñecemento a persoas que non están vinculadas a temas de ciencia. As certificacións están deseñadas para crear oferta científica para todos os públicos, pero dentro disto, tamén se pensan en propostas específicas, adaptadas a diversos perfís de visitantes. O importante é que todas estas fórmulas axuden a facer difusión científica dos recursos e a aumentar a cultura científica da sociedade.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.